O paseo do Miño en Lugo acollerá o vindeiro venres, 6 de maio 18:00 e con entrada de balde, a primeira edición do encontro ‘De perdidos ao Miño’, “que nace para ser un referente en Galicia para concienciar desde un espazo de reflexión, pero tamén lúdico, sobre o respecto á diversidade sexual”, segundo avanzou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto.
O obxectivo desta iniciativa é «achegar ás novas xeracións, nunha contorna natural e aberta como é o río, valores sociais co fin de evitar que se transmitan prexuízos contra a diversidade desde idades temperás”.
Queremos, incidiu Repetto, “que poidan abordar adecuadamente e con normalidade cuestións de ámbito sexual, achegándolles ferramentas para resolver os problemas aos que poidan exporse”.
Nunha mesa redonda en formato distendido na que se tratarán as diferentes realidades existentes, mostrando un concepto diverso e inclusivo, falando da orientación sexual así como da identidade de xénero, participarán:
Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo a favor dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón, e gañadora dun Premio Ondas polo seu podcast ‘Estirando o chicle’.
Tamén acudirán a psicóloga María González Da Rivera; Noemí Díaz Vázquez, profesora lesbiana visible de Bioloxía e Xeoloxía, integrante da Rede Educativa de Apoio LGBTI+ de Galicia e colaboradora de diarios nacionais; Marta Herráiz, fundadora de LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e codirectora xeral de REDI, a rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI en España; Luis Arean, xornalista e membro fundador do Grupo de Minorías Sexuais de Amnistía Internacional España, e Xácia Ceive, norteamericana transexual asentada en Galicia e creadora do proxecto Sete Outeiros.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte