A primeira estrea desta semana en Codex é Ninjababy, a orixinal, desinhibida e traste comedia dramática da norueguesa Yngvild Sve Flikke (1974), gañadora do Premio á Mellor Comedia nos European Film Awards, do Premio do Público Novo á Mellor Dirección no Festival Internacional de Cine de Gijón e do Premio do Público no SXSW de Austin, ademais de ser seleccionada para concursar na Berlinale e no Festival de Edimburgo, entre outros.
Cun estilo desenfadado que mestura imaxe real con animación, cun elenco moi inspirado e cunha forte presenza da música na banda sonora Ninjababy postúlase como un dos máis relevantes títulos de autor da presente tempada.
Cómpre suliñar que a dobraxe ao castelán corre a cargo da cómica Henar Álvarez e de Xabi Daura e Esteban Navarro, integrantes estes últimos do dúo Venga Monjas.
A presenza de animación neste filme parte de que Ninjababy está baseada na novela gráfica Fallteknikk de Inga H. Sætre coa que gañou en 2011 o premio literario Brageprisen.
O filme fala dos sentimentos de amizade e soidade que a súa protagonista, Rakel, padece ao descubrir que está embarazada e que xa é moi tarde para abortar. A directora, ademais de afondar na maternidade dunha maneira tan atrevida como resiliente, analiza con frescura a unha xeración con poucas perspectivas e, en ocasións, fortemente individualista.
A segunda estrea desta semana é La voluntaria, nova longametraxe de Nely Reguera tras enfeitizar a público e crítica co seu debut María (y los demás) en 2016.
Presentada no Festival de Málaga e protagonizada por Carmen Machi, o filme aborda a complexidade do acto e do desexo de amar e coidar.
En palabras da propia Reguera coidar os uns aos outros é unha labor que une, axuda a crecer e humaniza. No entanto, que nos empurra a facelo? O benestar alleo ou a propia satisfacción? É posible combater a inxustiza do sistema só con boas intencións e sen renunciar á nosa comodidade? Estamos dispostos a asumir renuncias e sacrificios na nosa sociedade occidental e consumista?
Toda esta maraña de dúbidas e contradicións aparecen reflectidas nun sólido guión sostido pola intensa interpretación de Machi.
O equipo decidiu rodar nun campo real de refuxiados en Grecia, o cal supuxo unha dificultade a prol da verosimilitude. Para Reguera era importante retratar o día a día destes lugares, ao mesmo tempo tiveron que ser moi coidadosos para que a rodaxe non dificultase o traballo que alí se fai. Gran parte do elenco e da figuración son os propios integrantes do campo.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte