A ‘G-Night’ achega este venres a ciencia á sociedade luguesa.
O Vello Cárcere acollerá 17 obradoiros gratuítos e tres charlas divulgativas para todos os públicos co gallo da celebración da Noite europea das persoas investigadores G-Night.
Inscrición aberta.
O grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus Terra converterán este venres 30 de setembro O Vello Cárcere de Lugo nunha sorte de laboratorio vivo no que se desenvolverán 17 obradoiros gratuítos de experimentación e tres charlas de divulgación científica orientadas a público de todas as idades co gallo da celebración da Noite europea das persoas investigadoras. A ‘G-Night’, un evento que se celebra de xeito simultáneo en 360 localidades europeas, recala na cidade amurallada por segunda vez co obxectivo de dar a coñecer o traballo desenvolvido pola comunidade científica, ademais de poñer en valor a importancia deste labor para a sociedade.
O programa de actividades organizadas na capital luguesa co gallo da G-Night desenvolverase en quenda de tarde, de 18.00 a 22.00 horas, e inclúe actividades para todos os públicos en función da súa idade.
As persoas interesadas en participar en calquera das sesións previstas xa pode formalizar a súa inscrición de balde nas instalacións do Vello Cárcere ou tamén a través do número de teléfono 982 297 195.
O público máis cativo atopará na G-Night unha boa oportunidade para achegarse á ciencia a través do obradoiro ‘Xogando a aprender!’, así como das sesión de demostración ‘Trichinella, o verme que veu cear’, ‘Os inimigos microscópicos’, ‘O lado amargo do azucre’, ‘Que esconde a auga?’, ‘Doutor, que lle ocorre á miña vaca?’ ou ‘O peixe cebra como modelo animal’.
Alén destas actividades expositivas abertas a todo o público tamén haberá outras dirixidas a grupos de máis idade sobre impresión 3D, fotosíntese artificial, realidade aumentada, árbores en tubos de ensaio ou hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental.
Á par da celebración destas sesións demostrativas, as instalacións do Vello Cárcere acubillarán tamén os obradoiros participativos de temática específica ‘Dío con luz: comunicación con fibra óptica’, ‘O que agochan as células’, ‘O solo que pisamos’, ‘Canta proteína ten?’ ou ‘A luz – regra do nanouniverso’.
O abano de actividades promovidas en Lugo por XuvenCiencia e AgroMar co gallo da celebración da Noite galega das persoas investigadoras mantén unha estreita ligazón temática coas liñas de investigación que se desenvolven no Campus de Lugo da USC.
Asemade, alén dos talleres e as sesións demostrativas, o programa deste evento científico complétase con tres charlas divulgativas: ‘A análise sensorial: unha disciplina científica con moito miolo’, ‘Xenética de vangarda aplicada á saúde, mellora e conservación de recursos biolóxicos’ e ‘Esqueletos á escena’.