Cinco compañías presentan as súas creacións no ‘Gustavo Freire’ do 17 ao 22 de abril no XXIX Festival de Teatro Universitario

A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Andrea González, abrirá o 17 de abril a quenda de representacións do XXIX Festival de Teatro Universitario coa estrea da peza ‘Eréndira e Aríndere’. O grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, dirixido por Fernando Dacosta, presentará o día seguinte no ‘Gustavo Freire’ a obra ‘As cidades agochadas’.

O festival de teatro universitario de Lugo mudará de escenario o día 20, cando está previsto que a compañía do IV Ciclo da USC ‘Vaites Vaites’, dirixida tamén por Andrea González, represente no auditorio da Casa do Saber ‘Antígona. “Negar a terra aos mortos e negar a humanidade”.

As funcións ‘Los días perdidos’, a cargo da compañía Teatro el Mayal, que dirixe Javier R. de la Varga, e ‘Observacións sobre a felicidade (composición e manexo)’, posta en escena no auditorio Gustavo Freire pola compañía de teatro USC-Santiago, que dirixe Roberto Salgueiro, completarán os días 21 e 22 de abril, respectivamente, a quenda de representacións programadas no marco do XXIX Festival de Teatro Universitario.

Actividades complementarias

O programa desta xa tradicional cita da vida cultural da cidade amurallada inclúe asemade un amplo abano de actividades complementarias, entre as que cómpre destacar un pase da compañía de teatro USC Lugo, dirixida por Andrea González, que ofrecerá o 18 de abril, ás 10.30 horas, un pase da obra ‘Eréndira e Aríndere’ para alumnado de institutos de ensino secundario que reserven a entrada antes do próximo xoves día 13 a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es 

As sesións ‘Poesía no acto’ Praza Maior, programadas o 19 de abril na galería Solaina, en quendas de 12.30 a 14.30, 17.30 a 18.30 e de 20.00 a 20.30, seguida da presentación do libro ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, de Roberto Pascual, Premio Rafael Dieste 2021, completan a oferta dun XXIX Festival de Teatro Universitario que tamén inclúe coloquios ao remate de cada función.

Promove: Lugo Cultural