XAN 2018 Coa incorporación desta semana, a Biblioteca Virtual de Galicia Dixital ten xa 91 títulos de temática diversa, postos gratuitamente ao dispor dos internautas.
É unha iniciativa da Plataforma en Internet GaliciaDigital, que na súa páxina principal difunde os contidos desta Biblioteca Virtual, destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, que doutro xeito non tería acceso a elas.
No caso de obras inéditas, facilítase aos autores de xeito gratuíto a súa publicación, moitas veces da súa “ópera prima”, para achegarse aos lectores e poder recibir comentarios e xuízos sobre o seu traballo creador ou investigador.
En canto ás obras xa editadas, poden estar esgotadas, ou ser de difícil localización xa por tirada limitada, xa por deficiente distribución , ofrecendo aos seus autores este complemento ou alternativa para dar a coñecer as súas obras.
A intención é seguir facilitando gratuitamente esta publicación íntegra a todos os autores que o desexen, podendo os interesados poñerse en contacto con GaliciaDigital no enderezo
correo@galiciadigital.com.
Entre as últimas incorporacións a esta Biblioteca están VIVIMOS UNHA LONGA TRAXEDIA, de Manuel Rodríguez López, CRÓNICAS DEL ALBA, de Joaquín Antuña, DE PURA CERNA, de Xosé María Gómez Vilabella, e ADEUSES A XOSÉ MANUEL CARBALLO, co compendio de obituarios que a través das páxinas de GaliciaDigital despediron a este singular crego, escritor e ilusionista lucense.