Convocatoria aberta para Cartografía en Movemento 2023.
Venres 29, o Sábado 30 de Setembro e o Domingo 1 de Outubro.
CONVOCATORIA para a ALMA DE CARTOGRAFÍA o Domingo 1 de Outubro.
Xa está aquí a 12° Edición de Cartografía en Movemento, que baixo o lema «Xardín Secreto», abre convocatoria o domingo 01/10, «Alma de Cartografía», unha xornada aberta á participación de persoas, parellas e grupos, que presentarán a súa proposta, aberta á calquera linguaxe artística, nun xardín da cidade, pensando en xardín na súa acepción máis amplia: horta, parque, medianeira… Ou incluso imaxinario.
A xornada da Alma de Cartografía é amateur, no mellor dos sentidos. A participación está aberta a todas as persoas, de todas as idades, que queren seguir sendo amantes: da cidade, da danza, e por suposto dos xardíns, da horta ao paraíso, do bosque ao claustro, do patio ao río.
Podedes entregar as vosas propostas ata o 31 de Xullo 2023 cubrindo este formulario:
https://forms.gle/LY8dYtqDkoERXNq59
Cartografía en Movemento 2023 – Xardín Secreto
“Se queres ser feliz un mes, namora. Se queres ser feliz un ano, casa. Se queres ser feliz toda a vida, faite xardineiro”, reza o proverbio chinés. E a iso imos, a alongar durante un día o pracer dunha vida enteira nesta duodécima edición de Cartografía en Movemento. Como? Pedíndolle aos xardineiros e xardineiras da cidade que compartan algo do seu segredo: o que se ve dende a nova parede de vidro do quiosco, o do avó que plantou un magnolio de verán, o da ornitóloga que a carón da muralla distingue o son do merlo do da estreliña riscada, o da galería de arte que medra sen xeito, o dos gnomos tan ben dispostos, o do gran castiñeiro, o da sombra do ligustro, o das araucarias, o da horta e o brillo dos cd’s, o que, a través doutras mans, nos convida a entrar.
A cartografía en movemento deste ano, virá dada por estes espazos, algúns deles públicos, outros privados, outros en risco de deixar de ser nosos. Espazos pequenos ou grandes, lugares medidos polo reloxo da luz na parede ou pola auga que os percorre, lugares onde respirar, onde volver medirnos na relación cos outros distintos de nós: coas flores, cos cactos, coas abellas, coas sámaras, co fío minúsculo da araña, co ar.
Para calquera dúbida contacta con nós en info3monos@gmail.com
No caso de que as propostas recibidas superen o número posible programable, acoutaranse segundo orde de inscrición.
Unha vez máis, queremos percorrer convosco a cidade cun mapa na man, cun mapa en movemento de xardíns secretos. E que medren as flores!!!!