O Vello Cárcere – Celebración do Día da Galiza Mártir 2023.
Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo.

Homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo día da Galiza Mártir en O Vello Cárcere. 

Maite Ferreiro,  concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o compromiso do Goberno de Lugo para «continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais».

Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2023.

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

Manifesto día da Galiza Mártir 2023

Compañeiras e compañeiros:Sede benvidas e sede benvidos ao día nacional de Bóveda e ao dos e das nosas mártires galegas.

Hoxe a voz de nós, tal limpa alborada en día nacional galego,
das e dos nosos mártires,
na referencia plena de Alexandre Bóveda,
desexamos desde a Fundación, que esa voz se faga un sentir unitario, na expresión determinante de nomearnos sempre militantes na nosa memoria inclusiva, viva, galega e democrática
e así, co anaco de  liberdade conquistada,
invocamos xustiza.
Invocámola porque buscamos a verdade.

Van 120 anos do nacemento de Bóveda, , imos para cincuenta  daquel primeiro acto aberto e plural, fóra do San Amaro de Pontevedra, e van 33 , como a idade cando o asasinato de Alexandre, de nacer á vida a Fundación Alexandre Bóveda.        

As nosas portas sempre estiveron e están abertas.

Pero tamén hai que dicir de que como nos vai a vida, sabémolo nós e poucos máis, os cales si se preocuparon por chamarnos, por saber das nosas necesidades e proxectos e mesmo xenerosamente  nos deron casa.

Bóveda non é a rutina dos dezasete de agosto. Bóveda está nas  responsabilidades de cada día para que desde el, e na memoria, teñamos en presente aos nosos e ás nosa mártires, así como as demáis vítimas da inxustiza  dimanada e executada da represión fascista personificada no funeralísimo, Fancisco Franco, líder da guerra civil consecuencia directa e única, non asumida, dos executores do golpe de Estado contra o goberno estatal, constitucional, democrático e lexítimo, da República.De todo o que veu ( e vén) logo… velaí quen son os responsables.Sobráronlle e sóbranlle cómplices.Non hai máis cera que a que arde.Non vale dicir ou escribir, sen máis obra, as palabras concordia, paz e liberdade. Por moi bonito que sexa o lugar onde se digan.Falar ou escribir é máis que dicir palabras.

Hoxe pois aquí estamos, pensamos que en comuñón,aínda que por  distintas motivacións, cada quen saberá as súas e desde a Fundación Bóveda gustaríanos que a presencia vosa en ningún momento respondese á oportunidade de “ quedar ben” e logo, veña, “ ata o ano que vén”.

Gustaríanos que este acto, se afírmen probas irrefutables das nosas alianzas, das nosas complicidades,co Bovedismo ( que é dicilo co galeguismo e con nacionalismo), pois Bóveda non é un eslogan, nin un titular nos medios de fabulación,nin unha pegatina simplemente.O seu discurso non é unha proclama máis ou menos acendida. A valía vai nos feitos e nas obras, as cales collen brillo nas verdades.

A nosa memoria non nola poden meter como se for unha pedriña de azucre que poñer en vaso de auga para que se dilúa e logo a mestura dárnola a beber para que o sabor nos quede doce e así tamén doce o saber dela. Ese non é o fin da nosa memoria.A nosa memoria é busca, é debroce, e así para faena, todas e todos temos que afiarlle ben con pedra gadaña…as cinco puntas á estrela nosa de liberdade. Iso será para facer boa sega comunal e mellor seitura popular, pois Bóveda é militancia e xuntos con el… Galiza somos nós. E así perante del e das e dos nosos mártires,debemos facernos  responsables das nosas conductas éticas de cidadanía e tamén políticas.A vosa presenza aquí non dá indulxencias, nin disculpas, para olvidos, dúbidas e silencios, ou falta de toma de decisión, e así na compracencia ver como a nosa historia, a nosa memoria, non se enchen de verdades, nin de contidos de reparación e de xustiza.

Ben sabemos que ningún opresor recoñece a opresión e pola contra xustifícaa.As súas argumentacións non nos serven.Non se pode pasar folla e poñerse escribir noutra, sen emendar e correxir, a que deixamos abandonada. Non valen as actitudes chulescas, irresponsables, de quen nos chaman “ aproveitados subvencionados”.

Nós, desde e para a restauración das e dos nosos mártires, só pedimos xustiza e reparación, xa que logo determinación democrática normalizada neste noso Pobo. Por iso, para nunca olvidar, repetimos: Bóveda é militancia e con el, Galiza, somos nós.

E xa que logo permitámonos unhas preguntas:

Serán horas de abrir as portas dos despachos e exercer a libre entrada para buscar verdades?

Serán horas de quentar os corazóns?

Serán horas de manter as tensións coas forzas limpas das nosas enerxías e así dar a ver a nosa potencia colectiva?

Serán horas de termos presente e claro o que entendemos por fidelidade e lealdade ás nosas e aos nosos mártires?

Serán horas de que esixir a verdade, a reparación, a inocencia e a honra das e dos mártires non sexa unha anomalía?

Serán horas de que deixen de nos chamar pesados e “ cebolletas” por reivindicar xustiza e contar verdades?

Serán horas de que quen gozaron ( e gozan) impunidade, e quen se arrogan representalos…, saiban que esta non é ilimitada, e pidan perdón?

Son horas de render contas?

Son horas de asumir que nunca é tarde?

Son horas de xa deixar de falar de paz sen memoria e por riba… facelo en nome dunha falsa reconciliación?

Son horas de seguir removendo cinzas?

Son horas de sacar á vida as e os nosos mortos de fosas e cunetas?

Son horas de exercer o noso dereito á verdade, pois sen este dereito…que outro nos queda?

Son horas, como di o profesor Calo Lourido, de constatar que desapareceron os tempos francamente franquistas e quedaron os tempos franquistas?

Así foi (e é) que a modélica transición e a democracia cubriron  con silencios a loita pola instauración da memoria, os asasinatos dos e das nosas mártires e así empoleiraron o trunfo das impunidades daqueles infames… que nos levaron polo desamparo e pola traxedia.

O profesor Calo Lourido dinos que son moitas as cousas que non se contan… porque non cadran coa historia que se quere vender.

Vivimos aínda en liberdade condicional.

Non hai outra… (e temos para iso homes e mulleres teimosos traballadores e moita  mocidade entregada) que recuperan e potencian a nosa memoria na súa función detonante, explosiva e insurxente, pois aqueloutros quixérona meter nun baúl e mesmo mandala fóra. Non poden desarmar as nosas palabras.O vocabulario da memoria ha ser común.Que non pretendan facernos calar. Temos que seguir construíndo a historia negada e oculta.

E polo antedito e máis, moito máis,velaí hoxe a nosa testemuña militante a Alexandre Bóveda, el que foi unha conciencia molesta, que as súas propostas políticas públicas fórono para reducir desigualdades, posibilitadoras de elementos de dignidade para axudar construír vidas decentes na cidadanía. E pagou por iso.Bóveda e o PG non se sentiron cómodos naquela España.

Bóveda, no seu martirio, constitúe a onda expansiva da forza enorme dun corazón xigante, cheo de corazóns militantes en Galiza.

Nomear a Bóveda será ser fiel ás súas conviccións e ao seu ser completo, que orixina un big-bang creador de conciencias e sentementos de Pobo e de Nación.

Recordemos aquel conto do poeta vasco Joseba Sarrionandia:

Houbo un mozo, ou unha moza, que atraparon e fecharon no calabozo máis escuro. Soamente ás veces entraba un delgado raio de luz. Un día que a escuridade era moi escura e a luz máis nítida… o mozo, ou a moza, púxose a camiñar sobre o fío de luz… e botou correr fóra… fuxiu ao país onde desexar aínda ten sentido…

Se a el, ou a ela, lle foi ben…busquemos nós a nosa luz para ir ao país onde desexar teña sentido.

Non podemos ser os nosos propios inimigos.

Nós sabemos o moito que podemos abrir coas nosas chaves?

Para cando atoparnos?

Para cando recuperar as palabras e que signifiquen o que din?

Traballemos para que os días non perdan máis sangue e para que as feridas fondas dos martirios, teñan algún día cura.

Aínda temos moito que buscar no noso pobo.

Aínda temos moito que atopar.

Se buscamos… atopamos.

Sempre.

Día da Galiza Martir

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.

Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum «Galicia Mártir» a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro «Sempre en Galiza», e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso «Alba de Gloria», foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.