Poesía e concerto especial dos Resentidos no VIII Festival dos Eidos.
O VIII Festival dos Eidos celebrará o centenario do poeta Carlos Oroza.
Terá lugar entre o 25 e o 27 de agosto no lugar de Parada, no Concello de Folgoso de Courel.

 A presentación do Festival dos Eidos 2023 tivo lugar nos xardíns da Deputación de Lugo e contou coa presenza e amparo de Iria Castro, deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, acompañada de Marta Barreiro, secretaria da Delegación territorial  da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, ademais de Branca Novoneyra, directora da Fundación.

Logo da presentación da deputada provincial, Iria Castro, cuia institución ocupa a Vicepresencia da Fundación; e da secretaria da Delegación territorial da Xunta, Marta Barreiro, no nome do programa Territorio Cultura da axencia AGADIC, que seleccionara a programación expandida do Festival como mellor proposta de toda Galicia,  tomou a palabra Branca Novoneyra para detallar o contido dunha programación que terá lugar entre o 25 e o 27 de agosto no lugar de Parada, no Concello de Folgoso de Courel, e que contará cunha intensa programación protagonizada polas poetas Chus Pato, Antón Reixa, Ana Romaní, Eva Veiga e Joâo Barrento.

Na parte musical, os grandes protagonistas serán dous grupos míticos dos 80 galegos: Os Resentidos, que darán un concerto exclusivo esta anualidade, e Radio Océano, a presentar o seu novo disco “Un furioso silencio”.

Os poetas Alba Cid e Estevo Creus, canda o músico Xosé Miguélez, levarán a escena o espectáculo de música e poesía A Faia de Ponto. Pola súa parte, o escritor Xavier Queipo e Cé Tomé presentarán a performance musicada RíoLagares. Rhome, Xackal, Jas Processor e Dj Tristón completan a intensa nómina de músicos desta edición.

Outras artes terán tamén o seu espazo no VIII festival, como a lectura danzada,  «Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente», será executada por Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales; o cine, co coloquio ao redor de Zumiriki a cargo de Oskar Alegría e Xosé Manuel Sande; a fotografía, cunha exposición de Federico García Cabezón; a arqueoloxía sonora, da man da Fundación Legar ou o xa clásico avistamento de paxaros no Courel, do biólogo Xavier Vázquez Pumariño.

Pechou a presentación o seu secretario Uxío Novo agradecendo á Deputación de Lugo o seu apoio continuado á entidade que cumple unha década, e á Xunta de Galicia o desenvolvemento dun programa como o Territorio Cultura para fomentar á programación cultural no interior, e a sua selección como programa mellor avaliado das entidades privadas de Galicia, que atrae a atención do país sobre un territorio mítico como o Courel durante tres días cunha programación na que comparten o protagonismo a poesía, a música e a danza e que pretende manter vivo o legado do poeta facendo da súa casa un centro de irradiación de cultura.