Trece concellos de Lugo reciben esta semana o Circuíto de Teatro Afeccionado impulsado pola Vicepresidencia.
Ribeira de Piquín, Viveiro, Riotorto, Begonte, Pol, Bóveda, Quiroga, O Saviñao, O Vicedo, Vilalba, Monforte, Pantón e Cervo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa esta fin de semana catorce actuacións dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado impulsado dende a área de Cultura. 

Axenda e notas sobre as obras
Duelo ó mencer (A MARIÑA)
Venres 24 de novembro | 12:30h | CASA DA CULTURA (CERVO)

Comedia. Público a partir dos 7 anos.
Autoría:  A Mariña
Dirección: Carmen Varela
Duración: 40 min.

Sinopse:

Esta historia sucede no lonxano Oeste.

Certo día, William James, un rapaz que vivía coa súa irmá Jesé nun rancho ás aforas, saíu a vixiar o gando que levaran o día anterior á montaña. De camiño, William atopou unha bolsa con diñeiro e, aínda que ó principio non sabía moi ben que facer, despois dun tempo pensando correu ata a casa para ensinarlle á súa irmá o seu descubrimento.

William estaba a favor de levarlle os cartos ao sheriff, mentres que a súa irmá Jesé quería quedar con todo e marchar lonxe. Aquí comeza unha trama onde acabarán implicados todos os veciños do pobo co fin último de quedarse cos cartos que William atopou na montaña.

As mentiras teñen os pés pequenos (PICO DO CASTRO)
Venres 24 de novembro | 17:00h | CENTRO DE DÍA (RIBEIRA DE PIQUÍN)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría:  Juan José Villarino Calvelo
Dirección: Juan José Villarino Calvelo
Duración: 60 min.

Sinopse:

Despois de entrar por erro nunha habitación que non é a súa, Bieito atópase sen querer en posesión dun obxecto bastante comprometido: unha bota de muller. E non dunha muller calquera…

A bota pertence nada menos que á dona do belicoso coronel León! Agora Bieito terá que agudizar o enxeño para pasarlle a outro incauto a responsabilidade do asunto, quedando así libre de sospeita e de varios balazos no corpo.

O covid do marián (O BORDELO)
Venres 24 de novembro | 20:30h | TEATRO PASTOR DÍAZ (VIVEIRO)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría:  Francisco Piñeiro González.
Dirección: Francisco Piñeiro González.
Duración: 90 min.

Sinopse:

A causa da pandemia, o protagonista desta historia desapareceu durante dous anos, retornando desorientado ante o asombro da veciñanza.

A nova concepción de vida que trae consigo aposta por resolver os problemas da sociedade con novos enfoques e valores que os demais non acertan a
comprender. O conflicto entre un e outros leva á reflexión, saíndo a relucir verdades que queiman e asfixian á colectividade.

Esta comedia ten a intención de activar os valores que dun tempo a esta parte foron perdendo o seu lugar na civilización. Porque para acadar o que se quere, non todo vale.

Pontenova Fashion Wiii (LUME ESCÉNICO)
Venres 24 de novembro | 22:00h | CENTRO SOCIOCULTURAL AVELINO DÍAZ
(RIOTORTO)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría:  Guillermo Cancelo
Dirección: Guillermo Cancelo
Duración: 65 min.

Sinopse:

A deseñadora Carme Fouzas, natural da Pontenova, recibe o Premio Nacional de Deseño de Moda, ocasión que aproveita a alcaldesa dese Concello para organizar un desfile e, dese xeito, desviar a opinión pública local da maraña de corrupción urbanística na que se atopa.

O traballo da deseñadora chama a atención do mesmísimo Benancio Hortera, o cal fará todo o que faga falta para que eses deseños formen parte da súa nova colección.

O menciñeiro á forza (OS PÍCAROS DA LAGOA)
Sábado 25 de novembro | 17:30h | CASA DA CULTURA (BEGONTE)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría:  Adaptación de Carballo Ferreiro
Dirección: Os Pícaros da Lagoa
Duración: 90 min.

Sinopse:

Unha muller farta do seu marido folgazán, trama un escarmento porque non o atura máis. Ao final todo acaba ben, pero non se pode contar máis, a historia ten moralexa, quen a queira saber, a obra ten que ver.

Vaise pechar unha casa máis (OS BALUROS)
Sábado 25 de novembro | 18:00h | CENTRO SOCIOCULTURAL DE MOSTEIRO (POL)

Drama. Todos os públicos.
Autoría:  Julio Pita Muinelo
Dirección: Os Baluros
Duración: 90 min.

Sinopse:

Pepe é un labrego que vive nunha aldea xunto coa súa nai, a viuva Maruxa. Con moitas dificultades sobreviven sen atopar o xeito de mellorar naquel medio rural de mediados dos setenta. Engaiolado polos relatos da vida que di levar un veciño emigrado, segue o camiño deste, a pesares da fonda tristura que senten, tanto el como a súa nai. Pero un agravamento da saúde de Maruxa, forza o seu regreso.

Casting (HIPÓCRITA TEATRO)
Sábado 25 de novembro | 19:00h | CENTRO SOCIOCULTURAL (BÓVEDA)

Comedia. Público adulto.
Autoría:  Hipócrita Teatro
Dirección: Elea López
Duración: 55 min.

Sinopse:

Mirna Lois, unha diva dos anos 50, Norma Lee, actriz de cine “erótico” e Úrsula Cimarrón, unha moza aspirante a actriz, coinciden nun casting. Todas compiten por un único papel. Atrapadas nuns personaxes femininos tópicos, chegarán ao límite do ridículo por cumprir coas expectativas do seu rol. Unha comedia agridoce sobre os estereotipos femininos no cine de Hollywood para chorar, rir, ou chorar coa risa.

A tortilla e a peste (NOVA ESCENA)
Sábado 25 de novembro | 19:00h | AUDITORIO MUNICIPAL (QUIROGA)

Comedia. Público maior de 14 anos.
Autoría:  Xoán Carlos Laxe
Dirección: María Márquez
Duración: 90 min.

Sinopse:

Catro mulleres e un home contan a súa experiencia durante o período do confinamento. A privación de contacto, o illamento e a distancia fan que as cousas cotiás, como facer unha simple tortilla, adquiran unha dimensión diferente, converténdose no ‘‘axis mundi’’ duns personaxes ligados á realidade a través do finísimo fío da tecnoloxía.

Fuga (57 PALABRAS)
Sábado 25 de novembro | 19:30h | AUDITORIO (O SAVIÑAO)

Comedia de acción. Público a partir de 14 anos.
Autoría:  Jordi Galcerán
Dirección: Patricia Neira
Duración: 80 min.

Sinopse:

Nesta historia ninguén é o que parece. Un grupo de timadores intenta estafar a un político caído en desgracia pola súa ambición, pero este tampouco é tan parvo coma eles pensan, ou iso cre el. Con este fio argumental, abórdanse temas serios cun tono de humor, como a infidelidade, a corrupción, a dependencia, a avaricia e a procura do amor. A intriga manterase ata o final.

Asasinato na tenda de roupa (GRUPO DE TEATRO DO HULA)
Sábado 25 de novembro | 20:00h | CASA DA CULTURA (O VICEDO)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría:  Pepe Vázquez Peinó
Dirección: Carlos Rebolo
Duración: 60 min.

Sinopse:

Dona Katiusca ten unha tenda de roupa, que dirixe cunha actitude claramente tiránica. Na vida desta muller agóchanse unha chea de maldades e trampulladas. Un día calquera, a tenda énchese de clientas. Todo transcorre con normalidade ata que se descobren varios cadáveres. A situación complícase, pero aparecen en escena o gran detective Sherlock Sánchez e máis o seu axudante Cirilo Burrámez, que conseguen resolver os crimes e desentrañar os segredos de Dona Katiusca.

O achado do castro (OS PINCHACARNEIROS)
Sábado 25 de novembro | 20:00h | AUDITORIO CARMEN ESTÉVEZ (VILALBA)

Comedia. Público adulto e adolescente
Autoría:  Adaptación libre do texto orixinal de Núñez Singala
Dirección: Rubén Pérez Pombo, Brian Rodríguez e Ángeles Mayra
Duración: 60 min.

Sinopse:

O autor da historia lévanos á Roma antiga, mais faino xogando coa lingua obrigando a que os personaxes falen coma nós, con termos de hoxe en día, o que nos leva a situacións moi cómicas desde un «Latín» un chisco especial. Como boa historia romana, hai un emperador, que é de todo agás espelido, soldados, filósofos barbudos e sabios, e unha historia de amor. humor, múltiples situacións divertidas e engaiolantes a través da maxia do teatro.

A autopista (ARGALLEIRAS)
Sábado 25 de novembro | 20:00h | CASA DA CULTURA POETA LOIS PEREIRO
(MONFORTE)

Comedia. Público adulto e adolescente
Autoría: Adaptación da obra La Valentía de Alfredo Sanzol
Dirección: Francista Abeledo
Duración: 90 min.

Sinopse:

Guada e Trini son dúas irmás que reciben en herdanza a casa na que veraneaban de nenas. É unha casa que adoran, só que agora unha autopista pasa a 5 metros da porta. Para Guada a casa é máis importante que o ruído. Para Trini o silencio é máis importante que a casa. Guada decide quedarse a vivir nela, alugando unha das habitacións. Trini pola súa parte contrata á Compañía Espectro para asustar aos inquilinos e
botalos.

A cegueira de Cupido; porque o amor nunca é o que parece (GRUPO
VIRAVENTOS)
Domingo 26 de novembro | 18:00h | CASA DA CULTURA (PANTÓN)

Comedia de enredo. Público adulto
Autoría: Candela López e Marcos Vázquez
Dirección: Candela López e Marcos Vázquez
Duración: 60 min.

Sinopse:

Estas son catro historias independentes sobre as relacións de parella, que aínda que nun primeiro momento non teñen nada que ver, acaban enredándose e mesturándose as unhas coas outras. Unha sucesión de acontecementos surrealistas e absurdos, serven para mostrar como ás veces as relacións están marcadas por estereotipos sociais que non nos deixan actuar libremente polo medo ao que dirán. De seguro que o público se sentirá identificado con algún dos personaxes da obra, sempre desde a perspectiva do humor.

ODT – TIVE (O TORQUES)
Domingo 26 de novembro | 19:00h | PAVILLÓN DE VILAESTROFE (CERVO)

Comedia. Todos os públicos.
Autoría: Juan José Villarino Calvelo
Dirección: Juan José Villarino Calvelo
Duración: 65 min.

Sinopse:

O Señor Godofredo de Bouillón foi asasinado no seu estudo (un recinto pechado por dentro) Atopado o corpo polo criado. xorde entón a seguinte incógnita: Se o Señor Godofredo foi asasinado de 23 puñaladas, como non hai unha soa mancha de sangue no lugar?

Un inspector de renome é convocado para dar resposta a este misterioso asasinato. Quen o introducirá nos detalles do crime será o criado da casa onde se cometeu o crime A impericia e a falta de lóxica do novo inspector, sumado á distancia e a ironía impostas polo criado, desatan un sen fin de ocorrencias, conxecturas e situacións insólitas.

128 representacións de 31 compañías

A finais do mes de xuño arrancou o Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que se mantén en xira polas comarcas ata o 30 de decembro.

Unha trintena de compañías teatrais e un total de 128 representacións, 40 máis que na anterior edición, sumaranse ao calendario de actividades dos concellos.

Esta iniciativa está integramente financiada pola área de Cultura, que mantén así mantén o apoio ás artes escénicas e ofrece a asociacións e concellos a posibilidade de ampliar as súas axendas culturais.

As datas, horarios e lugares das representacións difúndense e actualízanse en cultura.deputacionlugo.gal