Programación de verán da Rede Museística Provincial de Lugo.
Actividades, obradoiros e exposicións para todas idades e intereses.
O programa de verán 2024 da Rede Museística Provincial de Lugo, que se desenvolverá entre xullo e setembro, incluirá unha ampla variedade de actividades e eventos nos catro museos que compoñen a Rede: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar (Cervo), o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla (Friol) e o Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos).
O programa, pensado para todos os públicos, promete ofrecer experiencias únicas e enriquecedoras para todas as persoas visitantes. Entre as actividades destacadas atopamos:
Exposicións Temporais:
Sibila de Velázquez: Dentro do proxecto “A arte que conecta”, do Museo Nacional del Prado en colaboración co Museo Provincial de Lugo. Ata o 07 de xullo
Memorias en lata: Do proxecto “Conserva de memori(AS)”, e presentación dunha nova peza para a colección dentro do programa “+mares”, no Museo Provincial do Mar. INAUGURACIÓN: 20 de agosto ás 13.00 h.
Historia do futuro: Un proxecto de Pamen Pereira e Che Marchesi no Pazo de Tor. Dispoñible ata o 30 de setembro.
Programas Especiais:
Campamento de verán “CoidARTE»: Programa de conciliación familiar con ioga, arte e fotografía inclusiva. Para crianzas de 6 a 10 anos no Museo Provincial de Lugo ata o 12 de xullo e no Museo Provincial do Mar do 17 ao 19 de xullo.
«Técnicas Gráficas para Relatar Memorias soTERRAdas»: Obradoiro de ilustración coa artista Adela Vázquez, dentro do proxecto de investigación educativa «Soterradas: vidas e historias na procura dun contexto de xustiza social». No Museo Provincial de Lugo o 30 de xullo de 10.00 a 14.00 h.
«Da sementeira. Arte, natureza e territorio»: Residencias artísticas de conciliación familiar en todos os museos da Rede Museística. Consulta as diferentes datas na páxina web https://comunidadermpl.
A Rede Museística Provincial de Lugo colabora con diferentes entidades culturais e educativas para ofrecer actividades conxuntas que enriquecerán o programa de verán.
Estas sinerxías permitirán que a comunidade poida gozar de experiencias únicas como o Festival Sacra Expandido, os Encontros de Saberes, as Residencias Literarias «Escrita no Remoto», as Xornadas Internacionais sobre Museos e Educación «Experiencias para difusión do patrimonio e o cumprimento de dereitos culturais», e moito máis.
Para máis información sobre o programa de verán 2024, os horarios das actividades e como reservar as entradas, as persoas interesadas poden visitar a páxina web oficial da Rede Museística Provincial de Lugo en www.comunidadermpl.gal ou contactar con cada un dos catro museos a través das redes sociais.