Roser Vernet na residencia «Escrita no Remoto»
A Fundación Uxío Novoneyra convida a autora e tradutora catalana a escribir sobre a tamén excepcional paisaxe courelá e posteriormente compartir o escrito coas comunidades educativas da montaña.
A tradutora e autora Roser Vernet atópase desfrutando da residencia «Escrita no Remoto» na Casa Museo Uxío Novoneyra en Parada (Folgoso do Courel).
Este programa de residencias, que a Fundación Uxío Novoneyra celebra co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo, inicia neste mes a súa terceira edición entre a casa natal do poeta e o Pazo de Tor en Monforte de Lemos.
Tor e Parada son dous lugares estreitamente vinculados á obra do poeta do Courel e nas anteriores edicións do programa acolleu ás autoras Yolanda Castaño, Pamen Pereira e María Sánchez.
Este ano a autora convidada é Roser Vernet, quen gañou o último Premi Ciutat de Barcelona na categoría Literatura en lingua catalana co seu primeiro libro «Lo ming del món», un libro inclasificable que recolle un mosaico de vivencias entretecidas co seu lugar de pertenza.
Roser Vernet dirixe o Centre Quim Soler en El Molar (Priorat), unha asociación que traballa a prol do desenvolvemento integral da comunidade. O centro recolle o fondo do escritor Joaquim Soler Ferret e fomenta o estudo e difusión da súa obra. Por outra banda, é un espazo que vincula a literatura e o viño desde fai décadas e desenvolve o proxecto Priorat en Persona que convida a autores e autoras cataláns a escribir un diccionario literario da excepcional paisaxe do Priorat. As máis de corenta participantes durante oito edicións conviviron durante días dun xeito moi estreito con «adalids» (persoas que representan a experiencia viva do Priorat) quen lles facilitaron a escritura dun diccionario en proceso con máis de catrocentas palabras que nomean a Terra que os acolle. En cada edición bianual, os autores e as autoras retornan ao lugar para compartir os seus textos diante da comunidade educativa dos distintos colexios e institutos da comarca.
A Fundación Uxío Novoneyra convida a autora e tradutora catalana a escribir sobre a tamén excepcional paisaxe courelá e posteriormente compartir o escrito coas comunidades educativas da montaña. A sinerxia con proxecto Priorat en Persona foi o motor do convite para iniciar o diálogo co Centre Quim Soler e iniciar unha conversa literaria entre a escrita das terras do Priorat e dos eidos courelás.
Roser Vernet Anguera naceu no Priorat no ano 1955. Como moitas e moitos tivo que abandonar a comarca e vivir fóra do Priorat e do país. Retornou definitivamente a principios do século XXI. É adicta ás prácticas que xeran complicidades, ás grandes mesas compartidas e ás palabra e feitos que tecen e posibilitan modos dignos de habitar os lugares que nos acollen.