Preto de 200 actividades no programa do San Froilán 2024.
Rubén Arroxo, Iria Castro e Maite Ferreiro presentaron o programa desta edición.
Ferreiro anunciou a Paula Matheus, Coque Malla e Milladoiro como «os tres grandes concertos dos últimos días das festas»

 Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro,  presentaron o programa das festas de San Froilán 2024, «a volta da gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto», afirmou Maitee Ferreiro, que engadiu «as agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa, con máis de 50 grupos de Lugo durante os 9 días de festas e concertos de primeiro nivel». Ferreiro agradeceu a implicación aos patrocinadores privados «que colaboran cada ano para facer un San Froilán mellor».

A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradiciona, que este ano celebra a súa 52 edición ou o desfile do gando, que terá lugar o 4 de outubro a partir das 18 horas. Ferreiro destacou que a cultura tradicional galega conta, como cada ano, cun «importante peso» na programación das festas. «Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes».O programa inclúe actividades xa consolidadas neste eido, como o XXII Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D’antes; ou a XXVI Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.

As familias contarán con 15 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo. En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barriosm ademais de 20 actividades deportivas ao longo de todo o mes de outubro.

Ferreiro anunciou tamén os tres grandes últimos concertos que pecharán o San Froilán, os días 11 e 12 de outubro. Trátase de Coque Malla (11 de outubro, 22:00, Seminario), Paula Matheus (12 de outubro, 21:00, Santa María) e Milladoiro que celebra o seu 45 aniversario en Lugo o 12 de outubro ás 22:00 na praza Horta do Seminario, completando unha programación «con diversos xéneros musicais e artistas emerxentes e consolidados.

A deputada Iria Castro destacou que a colaboración co San Froilán responde ao compromiso da Vicepresidencia da Deputación coas festas e celebracións populares como parte do noso patrimonio cultural.  «O San Froilán é unha festa da cidade, pero é unha festa das comarcas de Lugo e unha festa do todo o país, con 270 anos de historia, polo que o seu valor como manifestación cultural é indubidable”. Desde a Vicepresidencia da Deputación, explica Castro, «colaboramos na organización de espazos consolidados dentro da axenda das festas, como a feira gandeira, a feira do mel ou a máis recente feira da olería, e tamén colaboramos coa axenda musical e lúdica, procurando unha actividade cultural plural e de calidade, que ofreza propostas para todos os públicos”.

Maite Ferreiro e Iria Castro criticaron a colaboración da Xunta de Galiza nas festas do San Froilán. A deputada de Cultura lembrou que, mentres que a D

eputación de Lugo achega 150.000€ ás festas, a colaboración da Xunta continúa a ser de 25.000€ «unha cantidade irrisoria para as festas máis importantes de Lugo», afirmou Iria Castro. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que «este ano investíronse máis de 2 millóns de euros no Son do Camiño e para o San Froilán só se aporta o 0,86% desta cantidade». Ferreiro afirmou que «ano tras ano reclamamos á Xunta maior investimento no San Froilán e sempre nos atopamos con excusas de mal pagador, para non dar un apoio institucional á altura do San Froilán».

Maite Ferreiro presentou os datos do San Froilán e do Son do Camiño. Mentres desde a Xunta se concedeu un patrocinio publicitario dado pola Axencia de Turismo de Galiza á empresa Old Navy y Esmerarte UTE para a organización do festival O Son do Camiño 2024 de 2.904.000€, mediante un contrato formalizado o pasado 1 de abril. O convenio asinado para o San Froilán 2024 supón unha achega de 25.000€, «só un 0,86% do orzamento do Son do Camiño é o que se destina ao San Froilán», destacou Maite Ferreiro.

VER PROGRAMA DO SAN FROILÁN 2024