A nova edición do XuvenLugo contará con máis atraccións.
Abrirá as portas o xoves 5 de decembro
O 13 e o 20 de decembro serán xornadas de portas abertas, con acceso de balde para todo o mundo, no marco do patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo.
Presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do espazo de ocio infantil e xuvenil XuvenLugo, que o vindeiro 5 de decembro abrirá ás portas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e no que se agarda a visita dunhas 20.000 persoas desde esta ponte de decembro ata despois de Reis.
A deputada de Cultura Iria Castro convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nuns días de moita ilusión”, ao tempo que puxo en valor a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.
A concelleira de Cultura Maite Ferreiro destacou “a contribución do XuvenLugo a ampliar a oferta de actividades que ofrece Lugo durante o Nadal, traendo á cidade a un público familiar de toda a provincia” ao que convidou a achegarse ás rúas de Lugo a disfrutar do alumeado e das actividades que se desenvolverán durante esas datas”.
O xerente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López detallou na súa intervención algunhas das novidades do XuvenLugo, que incorporará catro novas atraccións mecánicas coas que se trata de atraer máis publico adolescente ao recinto, e dous novos inchables de gran tamaño. Ademais, o día 13 de decembro o XuvenLugo abrirá en horario de mañá para que os colexios poidan organizar visitas, atendendo unha petición que os centros viñan facendo nos últimos anos.
A maiores das atraccións e obradoiros na zona de ludoteca, haberá dúas xornadas especiais, marcadas polas visitas de Papá Noel –23 de decembro–
e os Reis Magos –4 de xaneiro–.
Calendario, horarios e prezos
No mes de decembro, o XuvenLugo poderá visitarse do día 5 ao 8, do 13 ao 15, do 20 ao 23 e do 25 ao 30.
Xa en xaneiro, os nenos e nenas gozarán das actividades do día 1 ao 4.
O 13 e o 20 de decembro serán xornadas de portas abertas, con acceso de balde para todo o mundo, no marco do patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo.
O horario será de 16:30 a 20:30 e hai diferentes prezos: a entrada xenérica custará 9 euros; a de Concellos, Colexios e Asociacións (con reserva anticipada para un mínimo de 15 persoas) terá un importe 7 euros; e o bono para grupos de 10 persoas poderá adquirirse por 80 euros.
Todas as atraccións están incluídas, agás o minigolf, a pista de slot, o touro mecánico e o rocódromo.
Xuvenlugo conta co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.