O Museo Provincial de Lugo acolle ata o 30 de marzo a mostra a mostra fotográfica «Castelao. O retorno a Galicia, 1984», que reúne 51 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa (e unha por Manuel Veiga), durante o regreso a Galiza dos restos de Castelao o 28 de xuño de 1984.

A selección das fotografías reflexa,  segundo explicou Xan Carballa, as múltiples sensibilidades que se concentraron aquela tarde en Compostela e a improvisación coa que se desenvolveu o acto, que confrontou coa cerimoniosidade e as honras coas que volveran do exilio Tarradellas ou Leizaola.

O escritor, artista e líder galeguista falecera na Arxentina en xaneiro de 1950. Desde esa data, o seu corpo descansaba no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires, albergado no Panteón Social do Centro Gallego. 

Restauradas as liberdades democráticas en 1978, a demanda do seu retorno a Galicia pasou a ser unha reivindicación que anos despois sería asumida polo parlamento galego tras as primeiras eleccións autonómicas. Un acto parlamentario que foi aprobado por unanimidade das forzas políticas representadas, despois dunha proposta impulsada polo deputado nacionalista Camilo Nogueira.

Desde xullo de 1936, Castelao quedara imposibilitado para volver a Galicia e en paralelo as autoridades franquistas incautáronlle a totalidade do seu patrimonio e mesmo unha parte significativa da súa obra artística e literaria. Dese xeito, Castelao, implicado totalmente na defensa da legalidade constitucional da República e mais do proceso de Autonomía de Galicia, veríase na obriga de vivir os últimos anos da súa vida como exiliado político á vez que en Galicia sufriría por parte das autoridades do réxime un proceso de invisibilización e ocultación social. 

A mostra itinera desde o Museo de Pontevedra, institución prestadora das obras.

Ante o mandato do parlamento, o goberno da Xunta de Galicia, despois de conseguir a aprobación da familia de Castelao, representada pola súa irmá Tereixa, escolleu o día 28 de xuño para que se producise a viaxe de retorno dos seus restos e así facelo coincidir co mesmo día e mes no que, en 1936, se plebiscitara e aprobara o primeiro Estatuto de Galicia. 

En paralelo, por parte do goberno da Xunta presidido daquela por Xerardo Fernández Albor tomaríase a decisión, pactada con personalidades históricas do galeguismo, de elixir o Panteón de Galegos Ilustres para enterro definitivo e solemne de Castelao en Galicia.

Concretada a data para o seu retorno, o fotógrafo e xornalista Xan Carballa realizou unha reportaxe que configura esta exposición e que se centra nun acto histórico de gran magnitude acontecido o 28 de xuño de 1984. 

Unha narración en imaxes que Carballa executa con destino ao desaparecido semanario A Nosa Terra nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os acontecementos principais do retorno histórico dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres onde a gran figura do galeguismo foi cerimoniosamente soterrada.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo Cristina López participaron no acto en que Xan Carballa e o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, detallaron e contextualizaron as fotografías que documentan o acontecido nesa xornada, precedida, segundo lembraron, do debate arredor da oportunidade da volta a Galiza de Castelao polo contexto político no que se producía.

A mostra forma parte da programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difunde o legado
artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.

Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días  no Museo é a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.

 

Castelao no Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 – Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público. 

Unha sala monográfica adicada ao artista dende o ano 2010, onde se recollen debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 da primeira planta e dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxe con castiñeiro”, que se poden ver na sala 13 dedicada ás Vangardas Históricas e Arte da posguerra.

Museo Provincial de Lugo

Pl. de la Soledad, s/n, 27001 Lugo

Horario de inverno

(1 de novembro – 30 de maio)

De martes a sábado: de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30

Domingos: de 10:00 a 15:00

Festivos: de 10:00 a 15:00

Luns pechado