Punk, pop, folk ou jazz, todos os estilos musicais caben no San Froilán 2025.
Dakidarría, Queralt Lahoz, Cristina Branco, Irmaus da Raia Seca, Germán Díaz, El Nido, SonDeSeu, Uxía, Nogen, Anxo Araujo, El Pony Pisador, Abril, De Ninghures, Mocho Gris, Loita Amada, Festikultores e Duendeneta súmanse aos nomes xa confirmados de Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, Consorcio, Guadi Galego, Biznaga, Bala, Vera Fauna, Patáx ou Lucía Pérez.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciaron a ampliación do cartel do San Froilán 2025, que se celebrará entre o 4 e o 12 de outubro.
Ferreiro salientou que “ás confirmacións xa coñecidas, con artistas como Tanxugueiras, Xoel López ou Lia Kali, engádense agora nomes que reforzan a diversidade e a proxección internacional da nosa programación, como Cristina Branco, Dakidarría, Queralt Lahoz ou El Pony Pisador. Trátase dun cartel que combina tradición e vangarda, voces consolidadas e propostas emerxentes”.
Arroxo engadiu que “o San Froilán non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e poñer en valor a Lugo como capital da música e da convivencia. Queremos que veciñas e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva, na que a música, a gastronomía e a tradición se unan”.
Ferreiro destacou tamén que “apostamos por incorporar bandas e proxectos que veñen dende diferentes puntos do Estado e mesmo de Portugal, enriquecendo o diálogo cultural. É importante ofrecer espazos a artistas galegos como Dakidarría ou De Ninghures, que traballan a nosa música dende unha perspectiva contemporánea, pero tamén abrirnos a propostas como as de Queralt Lahoz ou Nogen, que traen novas linguaxes”.
Ferreiro concluíu destacando que “agardamos que a veciñanza e quen nos visite sintan as festas como propias, gozando non só dos concertos nas prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senón tamén da animación de rúa e das actividades nos barrios”.
Arroxo lembrou ademais que aínda quedan por confirmar máis concertos, pasarrúas e actuacións de orquestras, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas e completarán un programa no que se superarán as 200 actividades.
INFORMACIÓN DOS CONCERTOS
Dakidarría
É unha banda galega fundada en 2003 no Val Miñor que fusiona ska, punk e reggae. Comezou cantando en castelán, pero a partir de 2010 pasou ao galego como apoio á disidencia e aos presos políticos. As súas letras, en múltiples idiomas, combinan crítica social con himnos á alegría.
Queralt Lahoz
Cantante catalana (1991), mestura tradición flamenca con hip‑hop, R&B e poesía cun enfoque reivindicativo. Debutou con “1917” (2019) e publica “Pureza” (2021) e “9:30 PM” (2025), cuxo contido autobiográfico explora emocións intensas e a identidade feminina.
Cristina Branco (Portugal)
Fadista portuguesa, nada en 1972. A súa música mestura jazz e fado; empeza en Holanda e logo consolídase en Portugal. Entre os seus discos destacan Abril (2007), Ulisses (2005) e o recente Mãe (2023).
Irmaus da Raia Seca
Grupo galego cuxo repertorio gira en torno ao territorio da Raia Seca (zona fronteiriza entre Galiza e Portugal). Está formado por músicos naturais de A Caniza e A Pobra de Trives e reivindican ese espazo cultural nas súas músicas.
Germán Díaz
Músico e compositor (nado en Valladolid en 1978) establecido en Galicia. Destacado intérprete de zanfoña (hurdy-gurdy), caracterízase pola fusión da música tradicional coa jazz, e por iso foi chamado “o Jimi Hendrix da zanfoña”. Colabora con Baldo Martínez.
El Nido
Cuarteto de Castela e León que reinventa a música tradicional, mesturando instrumentos folk e temas contemporáneos. Debutaron con Huella y Camino (2020), seguiron con Refugios a cielo abierto (2022), e en 2025 lanzaron La Constancia.
SonDeSeu
A primeira orquestra de música folk contemporánea de Galicia, fundada en 2001 por Rodrigo Romaní. Conta con 53 músicos e interpreta temas da tradición oral galega, con estruturas instrumentais complexas. Obtivo o Premio da Crítica Galicia.
Uxía
Uxía Domínguez Senlle (1962, Mos) é unha das voces máis representativas do folclore galego, que renova a música tradicional e difunde a poesía galega. Dirixe proxectos culturais e celebrou máis de 40 anos de carreira musical.
Nogen (Euskadi)
Formouse en 2016 en Donostia. Practican un pop‑folk íntimo e minimalista. Participan en eventos relevantes da música vasca como LOS40 Euskadi e mezclan estilos diversos.
Pony Pisador (Catalunya)
Grupo festivo de Barcelona fundado en 2013, combina estilos como música celta, bluegrass, sea shanties, yodel, tarantela, habaneras… cun toque de humor e referencias á cultura friki (como Os Reis Magos, literatura fantástica e cómic). Actuaron en Europa, EE.UU. e Canadá.
Abril
Claudia Abril (voz e percusións)e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura.
De Ninghures
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Mocho Gris
Lucas de Centi (Manzaneda, 1992) e João Neves (Porto, 1987) integran Mocho Gris, un dúo que mestura elementos tradicionais da música galega e portuguesa coa música pop e co que veñen de publicar o segundo adianto do seu próximo álbum, o sinxelo Outro (Os Últimos).
Loita Amada
Logo dunha longa e exitosa traxectoria na música galega formando parte de bandas como Xenreira, A Matraka Perversa ou NAO, Jásper volve á carga cun novo proxecto musical chamado Loita Amada.
Nesta nova andaina, acompañado da pandereteira Nébeda Piñeiro, comeza a darlle forma a un proxecto novidoso que xorde da canción protesta galega. O seu obxectivo é conducir este estilo a ocupar novos espazos e sonoridades.

Viva Lugo, Axenda Cultural de Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo