A Pedreira, de Viveiro, protagonizará con Faia e Felisa Segade o gran concerto do venres 28 pola noite no Culturgal.

Os artistas e creadores de Lugo serán protagonistas en Culturgal 2025 da man de Bengala Teatro Físico, A Pedreira, Branca Novoneyra ou Melania Cruz, entre moitos outros.

Ademais, a Galería NÉBOA de Lugo tamén participará no Espazo de Arte do Culturgal, cos traballos  de Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodís.

A proposta da Galería NÉBOA para Culturgal 2025 é un diálogo entre corpos, materiais e imaxes; un encontro de voces que, desde distintos lugares, comparten unha mesma pulsión: comprender o mundo a través da fraxilidade, da transformación e do vínculo.

Galería Néboa

Culturgal, o gran festival das culturas galegas, celebrarase en Pontevedra (28-30 de novembro), con máis de 225 actividades e 750 artistas.

Na programación deste ano do gran escaparate da cultura galega destaca o protagonismo de artistas e creadores da provincia de Lugo. Entre eles, o grupo
Bengala Teatro Físico, que presentará un adianto da súa próxima producción, ‘Alicia Wants To’.

Lugo estará tamén representado pola escritora e coreógrafa Branca Novoneyra; Sandra Lodi, debuxante; Antón Lopo, escritor (Monforte); Xacio Baños, cineasta (Xove), ou Ana Moreiras, debuxante (Trabada), entre moitos outros.

A actriz lucense Melania Cruz moderará a mesa de debate ‘Traballos de actriz’, na que actrices galegas pioneiras falarán do seu traballo ao longo dos anos.