A compañía de teatro USC-Lugo ensaia on line "A emperadora"
Fonte da foto: Gab. Comunicación Campus Terra USC Lugo

O teatro universitario semella ter atopado na rede un salvoconduto para sortear as derivadas da pandemia provocada pola COVID-19, tal e como está a ocorrer no Campus de Lugo, cuxa compañía de teatro non dubidou en botar man das tecnoloxías para avanzar no traballo de preparación da súa nova montaxe con ensaios virtuais.

“A decisión é pouco menos que unha saída cara a adiante”, comenta a directora da Compañía de Teatro USC-Lugo, Carmen Conde, quen, na súa primeira experiencia á fronte da compañía universitaria luguesa, non dubidou en botar man dos recursos en liña para afianzar como grupo os oito integrantes dunha formación novel, ademais de familiarizalos cos textos de creación propia nos que están a traballar.

A situación é complexa, pero a pandemia non pode ser escusa para quedar de brazos caídos e non facer nada, sinala Conde, quen desde hai días dirixe sesións virtuais cun grupo de actores e actrices afeccionados que contrarrestan con “moita paixón” calquera tipo de dificultade.

“Os primeiros ensaios virtuais están a ser todo un éxito”, subliña a directora da compañía de teatro USC-Lugo, que, sen embargo, recoñece que “traballar e compartir experiencias a través da pantalla non é o mesmo que os ensaios ao vivo, nos que se produce un maior intercambio de emocións e sensacións”. Aínda así, engade, “nesta primeira fase estamos, na que prestamos máis atención ao texto e ás voces que á representación escénica, a formación en liña resulta moi útil”.

“O dixital é o novo formato de vida”, sentenciou Conde, ao tempo que indicou que “unha das cousas positivas desta modalidade de traballo é que “podemos estar sen máscara e vémonos as caras”. Aínda así, esta polifacética creadora luguesa recoñeceu que “o elemento físico é imprescindible no teatro, polo que estes primeiros ensaios virtuais non abondan, aínda que si permiten afondar no dominio dos textos e tamén no proceso de identificación coas personaxes”.

Ilusionada con posibilidade de poder estrear unha peza teatral de autoría propia e tamén dirixida por ela mesma na próxima edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame que previsiblemente se desenvolverá na semana do 22 de marzo, Carmen Conde adiantou que ‘A emperadora’ constitúe unha creación propia que responde á temática funeraria. “Trátase dunha peza de humor negro baseada nunha historia real acontecida nun entorno rural”, explicou.