Espectáculos familiares en «O que queda de verán 2023».
Terá lugar na praza Anxo Fernández Gómez todos os xoves de agosto a partir das 18 horas. De balde.
A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar O que queda de verán.
«Trátase dunha serie de espectáculos na rúa de teatro e circo con propostas de moi diferentes estilos», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «supón unha mostra do mellor en actividades de rúa que ofrece Galiza, o resto do estado e de propostas internacionais para desfrutar en familia».
O que queda de verán comezará o vindeiro xoves 03 de agosto na Praza Anxo Fernández Gómez, e incluirá cinco obras multipremiadas como o caso de “El gran final” de Bucráa Circus e compañías internacionais de prestixio mundial como son os brasileiros Circo no ato.
Maite Ferreiro destacou que «a resposta do público estes últimos anos fai que un ano máis dende a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua apostemos por esta programación que enche as nosas rúas de arte e achega de xeito gratuíto a cultura a todas aquelas que se acheguen”.
Para a concelleira O que queda de verán “é xa unha cita imprescindible para aquelas persoas que pasan os meses de verán na nosa cidade, xa sexan de Lugo ou visitantes dun turismo que, ano tras ano, medra na nosa cidade” por verse, incide Ferreiro, como “un lugar vivo e activo no que sempre hai algo que facer e a cultura está presente”.
Programación O que queda de verán 2023
– 03 de agosto, Hell Brothers de Cirkompacto (para todos os públicos, 50 minutos)
Rejhuz y Glakghs Setén son os fillos de Satán.
O seu pai, farto de aguantar a estos dous completos inútiles malcriados e aspirando a ser emérito por fin, dediciu botalos do inferno para que aprendan a gañar o mal por eles mesmos. Rejhuz, o maior dos dous, é un ególatra petulante que inventou un aparato coa finalidade de conseguir almas e demostrarlle ao seu pai que é un digno herdeiro.
Xunto a Glakghs, a súa irmá pequena, unha completa tarada que o segue a todos lados, chegan á terra dispostos a dominar a humidade pero… que se vai atopar? de verdade estes dous «pobres diaños» son tan malos como presumen?
– 10 de agosto, El gran final de Bucráa Circus (para todos os públicos, 60 minutos)
“El Gran Final» pretende ser unha traxicomedia que basea a súa esencia no reencontro de dous paiasos, separados dende fai moitos anos por mor dunha guerra civil.
Esta guerra interrúmpelles a última función xusto antes do seu gran acto final. O conflicto, obrígaos a tomar camiños separados e non ter nunca máis contacto o un co outro.
Agora, despois de máis de 30 anos, infinitos pasos, unha loita diaria e constante pola supervivencia, e un corpo avellentado, atópanse e deciden rematar o seu «Gran Final».
– 17 de agosto, ¡Somos Circo! de Desastronauts (para todos os públicos, 50 minutos)
Damas e cabaleiros, nenos e nenas, o espectáculo que todos estiveron esperando.
Raquel Feroz, a auténtica Raíña do Circo, deixarache pampo virando sobre o seu trapecio. Girisho, o Gran Ditador do Circo, sorprenderache coa súa forza e estupidez. Xuntos danche circo 100% puro. Alto en acción e baixo en conversación. Alto en satisfacción e baixo en decepción. Alto en irresponsabilidade e baixo en precaución.
É rápido, é divertido, é acrobático, é fermoso. Viaxaron polo mundo realizando as súas incribles habilidades e agora preséntanche a súa obra mestra. Tes sorte, Somos Circo!
– 24 de agosto, Tartana de Trocos Lucos (para todos os públicos, 50 minutos)
Tartana é unha proposta innovadora a nivel escénico e técnico, coa que poder disfrutar da precisión e seguridade dunha impresionante técnica de circo, un espectáculo co que sentirse vivo, movido pola sensación de non saber se conter o alento ou a risa.
– 31 de agosto, Se der corda de Circo no Ato (para todos os públicos, 45 minutos)
Entre cordas, acordes e acrobacias, unha tropa en estado de xogo, risa e creación envolve a todo o público nunha roda viva. O espectáculo fala da grandiosidade do que é sinxelo e inxénuo, da amizade como morza motriz da creación; todo flue na beleza, como a cativada que se encontra no parque e soñan saltando.
O humor, presente en todo o espectáculo, trae o frescor da risa espontánea dentro dunha roda de amigos. O estado de xogo e risas que establece o espectáculo extrapola os límites do escenario e envolve a todo o público nun diálogo directo e interactivo cos artistas.