O taller de arte dramática do Campus de Lugo presenta este mércores ‘Conflito natural’ no Vello Cárcere A función, dirixida e coordinada por Carmen Conde, comeza ás 20.30 horas. O aforo é limitado e cómpre solicitar convite a través do enderezo cultura.lugo@usc.es
As persoas que participaron nas distintas actividades formativas programadas no taller de arte dramática impartido pola coordinadora da Aula de Teatro do Campus de Lugo da USC, Carmen Conde, presentarán este mércores, a partir das 20.30 horas, no Vello Cárcere, a función ‘Conflito natural’, que servirá de epílogo do Festival de Teatro Universitario.
O espectáculo ‘Conflito natural’, dirixido pola propia Carmen Conde, permitirá ao alumnado que durante varias sesións formativas se achegou á obra do filósofo Zygmunt Bauman e nomeadamente ao seu concepto de ‘amor líquido’, segundo o que as relación persoais pasan a ser un perigo para preservar a propia individualidade, afondar nesta temática sobre o escenario coa presentación de cadansúa performance.
Daquela, nesta sesión teatral, incluída dentro da programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, intervirá un elenco de actores formado por Ángela Oliveira Vicente, Adrián Valdés González, Julia Lacleta Busto, Mariña Peña Blanco, Martina Gandoy Fernández, Michael Pereira López, Martina Garaloces Gandoy, Lucía Parga, María Rodríguez Domínguez.
O aforo para presenciar esta función está limitado, por mor da COVID-19. Así, as persoas interesadas en asistir ás representacións debe solicitar o correspondente convite de balde a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es