#nuncadeixesdebailar era o lema deste ano do Festival Cartografía en Movemento e a asistencia de público (cheo en todalas actividades) deixou claro que Lugo quere danza e nunca deixará de bailar. Unha mensaxe moi positiva nos tempos que corren, oscuros para todos, pero onde moitas persoas buscan – buscamos – a luz na cultura, nesa #culturasegura que seguen a programar contra vento, marea, covid, malas intencións e ignorancia, con tanto acerto promotoras locais (neste caso a asociación cultural lucense 3monos)

Sabela Mendoza presentou o volume «O público está aquí» na Casa do Saber, un traballo de investigación e de escrita arredor do público e a escena, sobre o espazo que ocupa o espectador nas artes vivas contemporáneas, as pautas que guían a súa participación e os xestos e accións que determinan a mirada. Libro que está á venda na Librería Trama.  Beatriz Pérez con ‘Iceberg’ e Paula Quintas con ‘SET’ estiveron no Mercado Quiroga Ballesteros. Velaquí algunhas fotografías desta edición 2020: