Nova programación de contacontos en Lugo
O ciclo consta de 6 actividades para nenos e nenas, que terán lugar entre o 19 de outubro e o 30 de novembro no MIHL e na Biblioteca Municipal Isidro Novo

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos.

«Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

Para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es

As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de seis actividades, que terán lugar entre o 19 de outubro e o 30 de novembro. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Xoves, 19 de outubro ás 18:00 horas no MIHL

TARABELOS
“O TRAXE NOVO DO REI”
Idades: a partir de 3 anos

Duración: 55 minutos

Sinopse: Un traxe especial para un rei especial. Aquel traxe novo e máxico prometía ser un capricho inigualable e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia dos habitantes da corte. Funcionaría? Dalgún xeito si, pero non como el o esperaba.

Martes, 24 de outubro ás 18:00 horas na

Biblioteca Municipal Isidro Novo

ÁTOMOS

“ROBÓTICA NA BIBLIOTECA”

Idades: De 8 a 12 anos

Duración: 90 minutos

Celebramos o Día das Bibliotecas cun obradoiro que procura unha achega dos máis novos e novas ás tecnoloxías do futuro desde a biblioteca. Ademais de aprender fundamentos básicos e coñecer o fondo científico-técnico dispoñible na nosa biblioteca, os e as participantes poderán levar o seu propio robot para a casa.

(Inscrición na biblioteca ou no teléfono: 982297414 A partir do martes 17 de outubro)

Xoves, 26 de outubro ás 18:00 horas no MIHL

TRÉMOLA TEATRO

LEO E AS CORES

Idades: de 1 a 3 anos

Duración: 30 minutos

Sinopse: Leo é o león máis curioso de toda a selva. Un día, unha choiva de pompas quítalle ao Elefante Ante e á Tartaruga Uga as súas cores. Será capaz Leo, coa vosa axuda, de devolverlles as cores aos seus amiguiños?

Xoves, 2 de novembro ás 18:00 horas no MIHL

RAQUEL QUEIZÁS

“CINEMA DE HISTORIAS”

Idades: a partir de 5 anos

Duración: 50 minutos

Sinopse: Este espectáculo, que mestura a narración co teatro e o cinema, pretende divertir e espertar nas nenas e nos nenos o amor polo cine da man de Alice Guy, a primeira persoa que dirixiu cine de ficción e a verdadeira nai do cinema.

Xoves, 16 de novembro ás 18:00 horas no MIHL

PABLÍSIMO

“CABICIVAI”

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 45 minutos

Sinopse: “Cabici vai subindo e baixando, ca bici vai de acó para alá, ca bici vai carretando as historias, ca bici vai a golpe de pedal…” Cabicivai é un espectáculo sobre rodas, unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa!!!

Xoves, 30 de novembro ás 18:00 horas no MIHL

MIGALLAS TEATRO

“BRINCADEIRAS DA LINGUA”

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 50 minutos

Sinopse: Espectáculo que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia dun xeito divertido, mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos.