A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a 17ª edición da Semana Internacional de Maxia de Lugo – LUGOMÁXICO– que este ano, debido á situación sanitaria, trasladouse do mes de maio á semana do 2 ao 7 de novembro. “Este ano a semana da maxia tivo que aprazarse e adaptarse á nova situación sanitaria e aos novos protocolos para garantir a seguridade nas actividades culturais, mais seguirá a ser un evento de primeiro nivel no calendario cultural de Lugo”.
Catro espazos da cidade acollerán un total de 31 actuacións para público familiar, das cales 27 serán de balde e só 4 de pago. As actividades terán lugar no Auditorio Municipal, no MIHL, no Vello Cárcere e no soto da Praza de Abastos. Maite Ferreiro destacou que “este Lugomáxico terá presenza nos espazos culturais máis coñecidos como o MIHL, o Vello Cárcere ou o auditorio municipal, ademais contamos este ano como novidade coa praza de Abastos, un lugar emblemático do centro da cidade que tamén pode ser un gran altavoz para a cultura”.
Os eventos de pago terán lugar no Auditorio Gustavo Freire. O 2 e 4 de novembro, a partir das 18:00, terá lugar a Gala Máxica Galega, que contará con 4 magos galegos e catro estilos diferentes nun só espectáculo, mentres que o 7 de novembro terá lugar unha dobre función, ás 18:00 e ás 21:00 de Unha Noite con Mag Lari, o espectáculo do mago que conta con máis de 25 anos de experiencia.