Fonte: Gabinete Comunicación USC

DEC 2017 A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica compostelá está a celebrar o seu vixésimo aniversario. Corría o mes de decembro de 1997 cando botou a andar a hoxe xa consolidada traxectoria do Espazo de Danza da USC, unha iniciativa no seu día pioneira na universidade española e concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 38 montaxes coreográficas e a realización de máis de 200 actuacións e intervencións e preto dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.

A estrea na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo da coreografía de creación propia ‘O Museo’, no marco do proxecto ‘A música en concerto coa imaxe e a danza’ impulsado en colaboración co Grupo de Creación Sonora (GCSUSC) da USC, constitúe o punto de partida do Espazo de Danza da USC. Este programa, inicialmente orientado a estudantes, pero aberto pouco despois á participación de toda a comunidade universitaria, conserva aínda hoxe entre as súas finalidades a pretensión de servir de canle ou pasarela de acceso ao mundo da danza contemporánea.

Daquela, ao abeiro das liñas de actuación deseñadas desde a Área de Cultura da USC, o Espazo de Danza fomenta accións formativas diversas e pon en escena coreografías a través de actuacións en espazos escénicos máis ou menos establecidos, nos que presenta montaxes que sintetizan a fusión das artes plásticas coas escénicas e musicais, ao tempo que dá cabida á outras manifestacións propias da arquitectura, pintura, escultura, fotografía, vídeo, expresión cultural…

A promoción cultural desenvolvida desde o Espazo de Danza da USC grazas, en gran medida, ás medidas e programas impulsados pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC fixo posible que emerxeran novos creadores, xestores e directores independentes ao abeiro do Espazo de Danza. Cómpre citar así novos proxectos xurdidos en Compostela, tales como as compañías Traspédiante, premio Injuve 2010 coa coreografía ‘Habelas’; Tinta’n Pé, Cisma, A Carioca, Kaos, Lembranzas, Efímero Divadlo. Asemade, nos últimos anos tamén xurdiron na sede universitaria luguesa novas compañías de danza contemporánea, como Mu-Danza, Zur2 Danza, Fíos Roxos, Camiños ou Son’s.

O Espazo de Danza da USC dá abrigo, ademais destas formacións independentes, a dúas compañías de danza da USC en Santiago e Lugo, así como á formación ‘Sen Vergoña’, integrada por alumnado do IV Ciclo. Estas compañías de danza universitaria dedícanse á creación e investigación do movemento no ámbito da danza contemporánea. O obxectivo principal é a creación dunha coreografía”, conclúe Zahera, quen lembra que no Espazo de Danza da USC traballaron coreógrafos e bailaríns de gran prestixio, tales como  Wendell Welf, Juan Moredo, Carlota Pérez, Norma Ros, Uxía P. Vaello, Amparo Novas, Nuria Sotelo, Rosa Acuña e Xiana Vilas.

Encontro Universitario de Danza Contemporánea

Os encontros universitarios de danza contemporánea que organiza a USC desde hai máis de tres lustros, é unha das referencias máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC. Estes foros artísticos, promovidos para favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade, posibilitaron que compañías universitarias de danza procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e, entre outros países, Colombia, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus da USC.

Outro dos méritos acadados polo Espazo de Danza da USC ao longo da súa traxectoria vén dada polo feito de terse convertido nunha canteira de futuros profesionais. A relación de artistas que pasaron ao longo destes 20 anos polo Espazo de Danza da USC é cada vez máis ampla e nela pódense atopar nomes como Amparo Novas, Alba Barral, René Rivera, Nuria Sotelo, Uxía P. Vaello, Begoña Cuquejo, Marta Alonso, Xiana Vilas, Fiona Bernáldez, Isabel Sánchez, Celso Pereira, Rosa Acuña, Paula Quintas, Triana Doce, Mónica Suárez, Patricia Coucheiro ou Maciej Sado.
No eido da I+D+i, o Espazo de Danza da USC constitúe unha fiestra aberta ao desenvolvemento e a creación arredor da danza contemporánea da man da Fundación CEER, que vén de poñer en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia en formación en I+D+i, a través das novas tecnoloxías en artes escénicas.

TAMÉN EN VIVALUGO:
14/12 Gala de danza a favor de UNICEF en Lugo