A Mostra de Teatro Clásico 2023 (XXII edición) terá lugar entre o 3 e o 26 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire e na praza da Mosqueira con 14 obras teatrais de primeira calidade, éxito de crítica e de público en diversos festivais

“Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos”, explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que engadiu “continuamos a concentrar a mostra no mes de marzo, facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico”.

A Mostra de Teatro Clásico do 2023 contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que comezaron a producir obras clásicas.

A área de Cultura achega este ano o teatro á rúa e a outros lugares, como o a praza da Mosqueira, que acollerá espectáculos para público familiar, aínda que a programación continuará maioritariamente no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

As entradas poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.es a 8€ nos espectáculos para público adulto e 3€ os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio.

As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30% de desconto.

Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde, e Maite Ferreiro, Concelleira de Cultura durante a presentación da Mostra. Foto: Gab. Com. Cultura
Programación da Mostra de Teatro Clásico 2023
Venres 3 de marzo. 20:30h Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Jácara para un pícaro o la España negra” de La Griot´te.

Dirección: Nazan L. Bamio.

Intérpretes: Sandra Gade e Álvaro Revuelto (música en directo).

Sinopse:

A compañía ambulante de La Griot’te preséntase na praza!

O azaroso encontro, que non foi así concibido, dunha gravadora cun feixe de ignotas historietas, ás que curiosamente arremedan aquelas contadas por El Buscón, preséntanos a un ‘Cristiá novo’ dando conta das súas vivencias nunha terra que lle é descoñecida. Nelas amosa un retablo de especies cridas extintas aínda que en perigo de reconstrución nun Madrid a calcetín volto.

La Griot’te, grazas á arte dos xograres e olé, revive tal periplo dando corpo ós personaxes cos que o cativo se topou, nun espectáculo musicado de ‘raras avis’ para o deleite dos presentes.

Duración: 80 min.

Idade recomendada: Público adulto.

Primeiro premio por votación do público en FestelOff (Festival de Teatro Español en Londres).

Terceiro premio por votación do xurado en FestelOff (Festival de Teatro Español en Londres).

Domingo 5 de marzo. 18.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Molto Barroco” de Píscore.

Dirección: Fran Rei.

Intérpretes: Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.

Sinopse:

Molto Barroco é, antes que nada, unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro. Píscore Teatro ofrece a posibilidade de gozar, desde o teatro e o humor, da música da época barroca.

Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares.

Duración: 60 min.

Idade recomendada: A partir de 6 anos.

Xoves 9 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

El diablo cojuelo” de Rhum Teatre e CNTC.

Dramaturxia: Juan Mayorga.

Dirección: Ester Nadal.

Intérpretes: Jordi Martínez, Joan Arqué, Roger Julià, Mauro Paganini, Piero Steiner e Xavi Lozano.

Sinopse:

Aos pallasos de Rhum & Cia encárganlles facer un clásico e tómano coma unha gran oportunidade. Elixen, porque non había outro na libraría, El diablo cojuelo de Luis Vélez de Guevara. Deste xeito é como comezan a enredarse, ou máis ben a rifar, dúas tramas: a da tola obra de Vélez, tratada con moito respecto e algunha liberdade, e a dunha compañía sempre a punto de fracasar, ao xeito pallaso, na súa teima por levala a escena.

Duración: 100 min.

Idade recomendada: A partir de 12 anos.

Venres 10 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

“Maestrissimo” de Yllana.

Dirección: Yllana.

Intérpretes: Eduardo Ortega, Jorge Fournadjiev, Isaac M. Pulet e Jorge Guillén “Strad”.

Sinopse:

Maestrissimo é un espectáculo «allegro e molto vivace» a metade de camiño entre o concerto de cámara, a comedia satírica e o retrato de época, no que se mostran, ao máis puro estilo Yllana, as aventuras e desventuras dun cuarteto de cordas nun período indeterminado entre os séculos XVII e XVIII (Barroco e Neoclasicismo). Un músico de recheo, un segundón sen apelidos pero cun talento descomunal, intentará progresar no escalafón e acadar o título de maestrissimo. Serán o seu talento e a súa xenialidade suficientes como para facerse un oco nun mundo tan xerarquizado? Conseguirá o prestixio que por dereito merece? Na mesma liña que Pagagnini, pero cunha entidade propia, Maestrissimo deleitará aos espectadores cunha coidadísima estética e uns personaxes divertidísimos, abordando temas como a ética, a creación, a orixinalidade e o valor da arte na sociedade, ao mesmo tempo que repasa momentos cumio da música clásica.

Duración: 80 min.

Idade recomendada: Todos os públicos.

Sábado 11 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Vive Molière” de Ay teatro.

Dramaturxia: Álvaro Tato.

Dirección: Yayo Cáceres.

Intérpretes: Marta Estal, Laura Ferrer, Mario Portillo, Kevin de la Rosa e Juan de Vera.

Sinopse:

No ceo, a deusa Fama anuncia a súa intención de casar cun xenio do teatro. Os seus criados Dato, Mito e Chisme lévana a París para coñecer a un tal Molière e seguir a súa azarosa vida e hilarantes obras. Unha historia de amores, desamores, celos, encontros, desencontros, duelos, danzas, cancións… e unha selección das escenas máis divertidas, irónicas, sarcásticas e escandalosas do xenio da comedia.

Vive Molière é un canto ao dramaturgo cómico máis importante da modernidade. Unha homenaxe, unha indagación e, sobre todo, unha celebración do seu despregamento de personaxes, situacións e escenas memorables, cunha ampla gama de rexistros que pasan da farsa burlesca á ironía sutil e incluso a amargura.

Desde As preciosas ridículas ata O enfermo imaxinario, desde Tartufo ao Don Xoán, desde A escola de mulleres a O misántropo, propoñemos unha selección esmendrellante das grandes escenas das súas mellores pezas dramáticas, co fío condutor da súa propia vida.

Foi Molière un cómico sarcástico en loita temeraria cos costumes da súa época? Foi un “home de Corte” acomodaticio que puxo en marcha todos os fíos da súa influencia para amasar fortunas na contorna versallesca? Foi un xenio ao servizo do poder ou un perigoso corrosivo social?

Ay Teatro presenta unha visión delirante, desenfadada e iconoclasta do gran comediógrafo, do seu ámbito teatral e do seu século. Un elenco moi novo con música en directo ao servizo do xenio incomparable de Molière.

Duración: 90 min.

Idade recomendada: A partir dos 16 anos.

Domingo 12 de marzo. 12.30h. Praza da Mosqueira. Entrada libre.

Justina y Jacinta” de Teatro del Cuervo.

Dirección: Sergio Gayol.

Intérpretes: Ángela Tomé e Bárbara Rodríguez.

Músico: David Varela.

Sinopse:

“Justina y Jacinta” forman unha “ñaque” (Compañía ambulante de teatro que estaba composta por dúas cómicas ou cómicos) e percorren todas as rutas, camiños, vías, calzadas, estradas, travesías, pistas, sendas, vereas, rúas, avenidas, bulevares, rondas, paseos… Contando as historias que levan no seu pequeno carro. Desde as que escribiron os grandes clásicos, ata as máis populares. Bebemos dos clásicos como Cervantes, Lope, Calderón e autoras non tan coñecidas do século de ouro español Cristobalina Fernández de Alarcón, Sor Juana Inés de la Cruz, María de Zayas, Ana Caro e Catalina de Erauso.

Duración: 50 min.

Idade recomendada: Todos os públicos.

Venres 17 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

El animal de Hungría” de EscénaTe.

Dirección: Ernesto Arias.

Intérpretes: Jorge de la Cruz, Laura Ferrer, Óscar Fervaz, Inés González, Carmen Quismondo, Nora Hernández, Gonzalo Lasso, Natalia Llorente e Antonio Prieto .

Sinopse:

Nos montes de Hungría vive un monstro que ten asolada unha aldea. Unha mañá, un fidalgo (Lauro) dálle caza e descobre que o monstro é a fermosa raíña Teodosia, primeira esposa do rei Primislao. Vítima das intrigas de Faustina, a súa propia irmá, foi condenada a morrer entre as feras pero Teodosia logrou sobrevivir agochada nunha cova. Mentres tanto, Faustina usurpou o seu trono e está a piques de parir un herdeiro.

Esa mesma mañá, os reis exploran ese monte para cazar un xabarín. Os aldeáns aproveitan a ocasión e suplícanlle ao rei que mate á besta que os atemoriza. Faustina afástase a un lugar seguro e, presa do medo, precipítase o parto dunha nena. Despois, atópase de fronte co monstro e sofre un desmaio. Teodosia, que recoñece a súa irmá, decide roubar a nena e criala na serra como filla súa baixo o nome de Rosaura. Esa mesma mañá, uns mariñeiros españois abandonan a un nobre infante nas costas de Hungría. Trátase de Felipe, neto do conde de Barcelona, ao que o seu cruel avó apartou da súa nai.

Vinte anos despois, Rosaura e Felipe namoran no monte. A trama complícase cando Felipe mata a un labrego que quere cazar a Rosaura. Felipe e Rosaura son atrapados e levados á Corte para que o rei Primislao imparta xustiza. Aí descóbrese a identidade e nobreza dos mozos, desenmascáranse as intrigas de Faustina e Teodosia, e finalmente, recuperan honra e reino.

Duración: 90 min.

Idade recomendada: A partir dos 12 anos.

Sábado 18 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Antígona 3 x 3,5” de Companhia do Chapitô.

Dirección: José C. García e Claúdia Nóvoa.

Intérpretes: Pedro Diogo, Susana Nunes e Tiago Viegas.

Sinopse:

Canto sangue colle nun cadrado?

Esta nova creación colectiva da Companhia do Chapitô, a 38ª do seu repertorio, segue explorando o estilo da absoluta comedia visual e física que convida á imaxinación do público.

O argumento é sinxelo: Morre Edipo, os seus dous fillos, Eteocles e Polinices, loitan entre si polo trono de Tebas e morren. Creonte (agora rei) decreta que Eteocles sexa enterrado con todos os honores e Polinices quede á intemperie para que o seu cadáver sexa pasto dos carroñeiros. Antígona rebélase ante este decreto e resulta condenada a morte por pedra (atención a este detalle). Hemón, fillo de Creonte, suicídase e Antígona ao final tamén morre. Un baño de sangue familiar que provocará bágoas – de risa- ao público.

Ao estilo inconfundible da Companhia do Chapitô: (in)adaptando clásicos. Destruíndo, transformando e reciclando traxedias, utilizando a comedia para cuestionar todos os aspectos da realidade física e social con tres intérpretes que o son todo na escena.  

Duración: 60 min.

Idade recomendada: A partir dos 13 anos.

Domingo 19 de marzo. 18.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Os contos de William Shakespeare” de Pedras de Cartón.

Dirección: Juan Rodríguez.

Intérprete: Juan Rodríguez.

Sinopse:

Os contos de William Shakespeare é o novo espectáculo de Pedras de Cartón, despois do Premio Barroco Infantil de “Quixote”, no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. Un espectáculo que mestura a comedia, o teatro de obxectos e a narración oral. Unha proposta de pequeno formato para ver de preto. A peza fai un percorrido polas obras máis coñecidas do dramaturgo inglés, adaptadas para toda a familia e cunha linguaxe máis próxima. Deste xeito, afrontamos tres das pezas máis recoñecidas do autor: “Romeo e Xulieta”contada con teatro de obxectos, “Otelo” convertindo as personaxes da obra nunhas chamativas e coloridas letras e “Hamlet”, contado en clave de comedia a partir dun peculiar xogo de cartas no que ninguén pode gañar.

Duración: 40 min.

Idade recomendada: A partir dos 4 anos.

Xoves 23 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Iphixenia na porta do Súper” de Compañía Humana.

Dirección: Sara Rey Seoane.

Intérprete: Alba Caneda.

Sinopse:

Iphixenia na porta do súper é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión premiada como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play. Estreada xa en varios países cun éxito rotundo, a súa adaptación ao español consagrou á actriz María Hervás conseguindo o premio Max á Mellor Actriz Protagonista, Mellor Espectáculo Revelación e Mellor Versión Teatral.

Agora chega por primeira vez a Galicia e en galego este emocionante e necesario monólogo.

Un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista de clase baixa. Unha personalidade magnética, directa, que nos amosa sen filtros e con humor a humanidade que se esconde tralas colas na atención primaria, recorte de camas hospitalarias, ausencia de médicos…

Duración: 75 min.

Idade recomendada: A partir dos 12 anos.

Venres 24 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

I love Catalina” de Hilo Producciones.

Dirección: Sandro Cordero.

Intérpretes: Laura Orduña, Sandro Cordero, Enrique Dueñas e Ana Blanco .

Sinopse:

Tomemos “A fera domada”, de Shakespeare. Poñamos a catro actores sobre o escenario e fagámolos dicir, cantar, bailar, desdobrarse, multiplicarse, suar, suar, suar…O resultado será “I love Catalina”, unha adaptación moderna e gamberra dunha das comedias máis salvaxes do gran dramaturgo inglés.

Unha contenda entre as convencións e o papel da muller: un auténtico choque de trens que porá a proba os nervios de todos, incluso do público que os observa, do cal é posible que nalgúns momentos se precise unha colaboración “activa”.

O resultado final será unha doma, si, pero quizais non a prevista…

Duración: 75 min.

Idade recomendada: A partir dos 12 anos.

Nominado a mellor espectáculo revelación nos premios MAX.

Premio do público e Premio á mellor dirección no Indifestival de Santander.

Sábado 25 de marzo. 20.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Menina. Soy una puta obra de Velázquez” de Cia. Proyecto Cultura.

Dirección: Pedro Luis López Bellot.

Intérprete: Nuqui Fernández.

Sinopse:

MENINA é a historia dunha, de moitas, de todas.

De pequena os seus compañeiros da clase xa comezaron a chamarlle foca, balea… Xa sabes, cousas de nenos, non? Ao chegar ao instituto atopou o seu sitio, a gorda do grupo.

Durante unha excursión ao “Museo de El Prado” adquiriu novos superlativos e calificativos. De entre todos, ela quedouse co de «Menina». Pois claro que si –díxose a si mesma-, son unha PUTA obra de Velázquez. Así que postos a comer e engordar, cos anos ela propúxose comer o mundo e engordar o seu ego enriba dun escenario.

Unha coprodución de PROYECTO CULTURA e o “Festival de Teatro Clásico de Cáceres”, recomendada pola “Red Española de Teatros”, coa que abordamos os temas do acoso, a gordofobia e a diversidade dos corpos.

Duración: 55 min.

Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Domingo 26 de marzo. 12.30h. Praza da Mosqueira. Entrada libre.

Carreta y manta” de Cia. Sinfin.

Dirección: Paca López.

Texto e dramaturxia: Ángel Solo.

Intérpretes: Rosi Tejera, Manuel Maté “Pacheco”, Raúl Balbuena, Carlos Hidalgo “Chanlee”, Alba Bonal e Ángel Joldra.

Sinopse:

“Carreta y Manta” son unha compañía de cómicos da legua. Máis ben o que queda da mesma. Acompañados de Apañao, un técnico para todo da época. Percorren vilas e aldeas para entreter á concorrencia e arañar unhas moedas coas que enganar as súas tripas. Hoxe toca representar “La Burla del Pozo”, pero a praza está ocupada por un bululú cantarín que non quere marchar. Tamén anda por alí Mostaza, unha moza buscavidas e afloxabolsas á que persegue un corchete para levala ao calabozo. Entre todos desfanse da xustiza botando ao corchete ao pozo, feito este que lles fai unirse para aumentar a compañía e levar a termo entre todos a representación que querían facer desde o primeiro momento.

Duración: 60 min.

Idade recomendada: A partir dos 6 anos.

Domingo 26 de marzo. 18.30h. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Elektra.25” de Atalaya.

Dirección: Ricardo Iniesta.

Intérpretes: Ángela González, Enmanuel García, Garazi Aldasoro, Imasul Rodríguez, Lidia Mauduit, María Sanz, Raúl Vera e Silvia Garzón.

Sinopse:

Atalaya leva 25 anos adaptando grandes textos do teatro clásico universal sen perder a súa recoñecida linguaxe contemporánea que comezou hai case catro décadas. Por iso en Elektra.25 queremos conmemorar dita cifra, que coincide cos 25 anos desde a morte do noso referente do teatro máis rompedor Heiner Müller- e os 25 séculos do nacemento de un dos tres pais da Traxedia Grega, Eurípides-.

«Elektra.25» que é o 25º espectáculo de Atalaya, posúe unha forte carga emotiva debido a que o seu «leit motiv» esencial perdurou a través dos tempos: «a vinganza», que foi e segue sendo a orixe de moitos conflitos ao longo da historia da humanidade. O obxectivo ao abordar este mito é xerar no público un interrogante arredor da vinganza e ao tempo transmitirlle ao espectador emocións alleas ás cotiás; non se trata de contar a historia de «Elektra» nin de que o espectador se identifique con algún personaxe, senón de provocar no público a catarse que promova sensacións que non pode experimentar en ningún outro lugar ou evento da vida cotiá.

O coro é quen marca, durante a práctica totalidade da obra, o ritmo e o ton emocional. Neste sentido os cánticos étnicos e as coreografías adquiren unha potencia por riba dos propios personaxes. A interpretación coral é santo e seña moi recoñecible na linguaxe de Atalaya que neste caso proxecta unha forte carga emocional debido ás músicas populares elixidas. Por último destaca a potencia da escenografía así coma a incorporación de fogo e auga que multiplican a ritualidade da montaxe.

Duración: 75 min.

Idade recomendada: A partir dos 16 anos.