«Somos Criminais 3» regresa a Lugo en maio. Martes 16 de maio de 2023 – 20.30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán saen de novo de xira con Somos Criminais 3.
Logo do éxito da xira de presentación que tivo lugar entre finais de 2021 e principios de 2022, na que máis de 30.000 espectadores ateigaron os teatros e auditorios galegos, os dous cómicos arrincan agora unha nova volta polos teatros de Galicia.
Somos Criminais 3 é un espectáculo que conta coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán. No pasado ano, o espectáculo rematou a primeira volta do seu percorrido no festival Castelo Conta, onde máis de 1.200 espectadores encheron o escenario principal.
Somos criminais no sentido menos criminal da palabra? Temos unha maneira propia de ser e de estar? Somos diferentes, somos parecidos ou somos iguais aos demais? Son certos os tópicos que hai sobre nós? Estas son algunhas das preguntas ás que os dous cómicos tentan dar resposta. E é que en Somos Criminais 3, Carlos Blanco e Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e averiguar por que somos como somos.
Logo da súa estrea no 2021, Somos Criminais 3 regresa agora para volver encher os teatros de risas. A primeira parada será o 17 de marzo en Vigo, no Teatro Afundación. Logo, o espectáculo viaxará a Pontevedra, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Narón, Lugo (16/05 – 20:30 – Gustavo Freire), Ferrol, Ourense e finalizará o 10 de xuño no Teatro Colón da Coruña.