Unha coprodución lucense – bonaerense gana o Programa Iberescena
A compañía lucense Señor López Producións e a bonaerense Animales Danza Teatro, da man do artista Gustavo Friedemberg, ganan o Programa Iberescena, que lles levou a coproducir o espectáculo Habitar un pájaro (o la metamorfosis del Sr. López), a partir do conto do artista Rubén Pérez.
Toda transformación esixe unha morte e todo desexo esixe unha transformación. Ese parece ser o prezo de voar. O pasado 22 de agosto ás 20.30 h estreouse Habitar un pájaro (o la metamorfosis del Sr. López) con coreografía e dirección xeral de Gustavo Friedenberg na Sala Solidariedade do Centro Cultural da Cooperación (av. Corrientes 1543, Cidade Autónoma de Bos Aires).
Gañadora do Programa Iberescena na liña de coprodución internacional, a obra está inspirada no conto A metamorfose do Sr. López do dramaturgo español Rubén Pérez Pombo (Premio Xuventude Crea 2015, Galicia) e explora as posibilidades narrativas e poéticas da danza no seu encontro cos monicreques e o teatro de obxectos.
Mentres o Sr. López soña con ser paxaro, a obra tematiza metaforicamente problemáticas de xénero e diversidade poñendo de relevo as múltiples transgresións que atravesa o noso protagonista na súa evolución cara a unha nova versión de si mesmo, máis fiel ao seu propio desexo.
Posiblemente, López sexa un dos apelidos máis comúns en Iberoamérica; todo López carga co mesmo estigma: un é un entre centos de miles. Coa morte temperá do seu pai, o protagonista desta historia herda non só o apelido senón tamén o lugar de “home da familia”. A partir de aí, a vida do Sr. López transcorre gris e previsible, sen sorpresas nin sobresaltos; unha vida como todas as vidas, un López máis.
Porén, tras quedar viúvo e co devir da terceira idade, un destello de luz parece xurdir no noso protagonista a través dunha crecente fascinación polos paxaros. Pero, en que radica a súa fascinación? Que fai que un home desbote os seus vencellos históricos e constrúa unha nova versión de si mesmo?
O seu director, Gustavo Friedenberg, sinala:
“Dende o mesmo instante en que lin o conto de Rubén sentín ganas de levalo a escena. Como non deixarse seducir pola historia dun home que acaba convertido nun paxaro?
Creo que me impactou que o protagonista fose un tipo común e vello; a danza case non se ocupa dos corpos vellos e os corpos da danza teñen pouco de común.
Tamén me fixo pensar no meu pai que, logo de xubilarse, deixou emerxer unha faceta súa ata entón descoñecida.
Decidín traballar con monicreques porque sempre me resultaron fascinantes; son moi parecidos a nós, pero non de todo, e esta case humanidade fainos profundamente inquietantes, dando vida a un mundo que se parece ao noso pero que, sen dúbida, é dunha orde tan máxica como misteriosa. Iso é para min o teatro.”
Habitar un pájaro (o La metamorfosis del Sr. López) estará na carteleira bonaerense todos os xoves do mes de agosto e setembro no Teatro de la Cooperación, no corazón da efervescencia cultural arxentina.
Por outra banda, o vindeiro 22 de setembro o Señor López continuará coas súas funcións no Auditorio Municipal de Chantada coa obra infantil A metamorfose do Señor López. Amais, na súa faceta de director, Rubén Pérez abordará dentro de nada as estreas das compañías afeccionadas Rebuldeira Teatro de Sarria e Pinchacarneiro Teatro de Lugo.