O XVI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC presentará os días 23 e 24 de marzo no patio central do Vello Cárcere de Lugo as novas creacións propias producidas polas dúas compañías oficiais da USC en Lugo en Santiago, así como pola formación sénior ‘Sen Vergoña’, integrada por alumnado do IV Ciclo da USC, e pola formación independente tamén xerminada na institución académica compostelá ‘Les Braves’. A Aula de Teatro da UDC no seu campus de Ferrol completa o cartel desta edición do encontro de danza universitario, un certame promovido desde hai xa máis de tres lustros ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan xunto coa USC o Concello e a Deputación Provincial de Lugo, e que constitúe unha das referencias máis visibles do Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera.

A  nova compañía independente ‘Les Braves’ abrirá o venres 23 de marzo, a partir das 20.30 horas o programa de representacións do XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC coa coreografia ‘Volutas’, interpretada e con coreografía de Daniel Lazso. De seguido, a formación sénior ‘Sen Vergoña’ do campus de Lugo da USC, a primeira e  única compañia de danza de IV Ciclo existente no panorama nacional universitario, porá en escena a coreografía ‘Metaformoses’, unha coreografía de Rosa Acuña dirixida por Juan Carlos Zahera. A compañía danza USC-Lugo, dirixida polo propio Zahera, botará o pano da primeira xornada deste festival universitario coa estrea da peza ‘Silencio’,  tamén con coreografía de Rosa Acuña.

A compañía danza USC-Compostela presentará ao día seguinte no mesmo escenario a obra ‘A aritmética do striptease’, unha nova produción desta agrupación compostelá que conta con coreografía de Xiana Vilas e dirección artística a cargo do director do Espazo de Danza da USC. Logo da intervención desta formación intervirá diante do público lugués a compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña (UDC) xurdida no campus de Ferrol que interpretará a coreografía de Cristina Montero ‘Substancia composta’. Un segundo pase da función da compañía Danza USC-Lugo servirá de peche das representacións. A entrada ás distintas funcións programadas é de acceso libre e de balde para todo o público interesado.

VOLUTAS – Compañía Independente USC – Les Braves

Volutas dálle nome ás formas circulares que coroan a columna xónica emulando os cabelos da muller, así como tamén define a volatilidade do fume e as espirais que forma. Les Braves xoga con esta dualidade mostrando unha historia coa que todas e todos se poden identificar. É unha homenaxe ás nais e aos pais, piares da familia, pero sobre todo ás nais; Volutas é unha crítica á educación hetero-patriarcal da sociedade actual. Preséntase a imaxe do individuo en busca dunha identidade que non sexa nin masculina nin feminina; a través da danza
o individuo antepón o movemento como unha declaración de liberdade, onde o xénero se disipa.
Dedicado aos meus pais, e ás nais.

Tempo: 20 minutos

Coreografía: Daniel Lezso Bailarín: Daniel Lezso Música: David Cordero (El Rumor del Oleaje); Jessye Norman (Purcell); Dead Can Dance (Song of the Stars); Silvia P. Cruz (Meu Meniño) Vestiario: Carmen Lamoso

Produción: Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social

METAMORFOSES – Compañía de Danza
“Sen vergoña” IV Ciclo da USC 

Dirección artística: Juan Carlos Zahera 

Na danza uns finísimos fíos de luz cósmica, desde as fonduras abisais até o infindo celeste, envólvennos e condúcennos inevitablemente, á metamorfose Amar… até a metamorfose! META, AMOR, FOSE… Ai, Amor! Se o AMOR FOSE A META! (Sabela R. Campo) 

Duración: 15 minutos

Coreografía: Rosa Acuña 

Bailaríns: Isabel Aguilar,
Dolores Besteiro, Adela Ferrándiz, Isabel Iglesias, Ma José Meilán, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Concepción Núñez, Sabela Rodríguez, Pilar Saavedra, Luz Santoalla, Carmen Souto, Herminia Suárez, Maria V. Real, María Vázquez, Elisa Vázquez e Xosé Valcárcel  

Música: Collaxe musical. Vestiario: Colectivo EDU Produción: Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social 

SILENCIO Compañía de Danza da USC-Lugo 

Dirección artística: Juan Carlos Zahera 

O poder da quietude nun mundo ruidoso.
Falo, como, móvome…silencio…respiro…continúo. Tempo: 20 minutos 

Coreografía: Rosa Acuña Asistente coreográfico: Giovanni Peixoto
Bailaríns: Sonia L. Pumarega, Beatriz Moraes, Andrea Naveira e Álvaro Rodríguez 

Música: Collaxe musical Vestiario: Espazo de Danza Universitário 
Produción: Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social 

A aritmética do striptease – Compañía de danza – USCompostela 

Dirección artística: Juan Carlos Zahera 

Comezamos esta peza a partir do título “Tres tristes stripteases” (La Intrusa Danza). Con este pretexto facemos unha visita inesperada ao mundo da sedución, da danza, e da intimidade. Imos espeluxarnos e amosar a nosa relación íntima coa danza. O que ela significa, como nos significa e constrúe. Levamos a danza ao pensamento e á emoción. 

Tempo: 20minutos 

Coreografía: Xiana Vilas Bailaríns: Lupe Carballo, Ipek Guler, Sina Menrad e José Vera 

Música: Grease BSO, Bonobo, Goodspeed you! Black Emperor, Vivaldi e Jose González Vestiario: Colectivo EDU Produción: Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social

Substancia composta – Aula de danza UDC – Ferrol 

Dirección artística: Cristina Montero 

Substancia composta é aquela cuxa estrutura contén fragmentos de distintos tipos, é dicir, que contén distintos elementos. Os seus compoñentes manteñen as súas propiedades, pero a forma de combinalos é o que fai diferente a mestura. 

Tempo: 20minutos

Bailaríns: Iria Mera, Enar Rodríguez e Carmen Sas

Ao remate da quenda de interpretacións, o público que asista ás representacións programadas no marco do XVI Encontro Universitario de Danza Contemporánea poderá gozar dunha sorpresa que terá como protagonistas ao alumnado dos cursos de danza latina organizados ao abeiro da programación de actividades desenvolvidas polo Espazo de Danza da USC, un servizo universitario que botou a andar hai xa dúas décadas.