O 30 de setembro de 2004 formalizouse a creación da Rede Museística Provincial, como paraugas para a actividade do Museo de Lugo, do Museo do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor.
O nacemento da Rede consolidou unha forma de organización do traballo fundamentada nas premisas da museoloxía social e que prioriza a escoita
e a integración da comunidade e as propostas vinculadas ao territorio no que se asenta cada un dos museos.
Coincidindo con este quince aniversario, o auditorio da Facultade de Humanidades do Campus Terra de Lugo acolleu a estrea dos dous primeiros
capítulos da webserie “Un ronsel de futuro”, un proxecto realizado por Señor López Producións.
Un ronsel de futuro trata de achegar, através do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo. O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio.
Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.
O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia directora da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e importantes persoas da nosa sociedade como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez, contando coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas.
A webserie viaxa a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, puxo en valor a traxectoria da Rede Museística, destacando “o traballo feito durante estes quince anos para achegar a actividade artística e o patrimonio a públicos moi diversos”. Sinalou especialmente a relevancia e a visibilidade que o Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor, que se musealizaron coa súa integración na rede, adquiriron como espazos expositivos e centros de difusión cultural e patrimonial”.
A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, sinalou que a escolla do escenario para a estrea se debía “a estreita relación entre a Rede Museística e a Facultade de Humanidades, especialmente a través do grao e o máster de Xestión Cultural, e da vontade dos museos de traballar na conservación, estudo e difusión do patrimonio con outras entidades, asociacións e colectivos. Tecendo redes con todas e todos”
Proxecto aberto a centros escolares
O proxecto está aberto ademais á participacion dos centros escolares a través dunha actividade incluída na programación didáctica que a Rede ofrece á comunidades educativa. Aqueles centros escolares que realicen algunha das actividades didácticas, cuxo catálogo pode consultarse na web comunidadermpol.es serán convidados a realizaren un vídeo de entre 5 e 6 minutos, para recoller a experiencia ou o aprendido durante a mesma.
Ao remate do curso escolar, premiaranse as mellores creacións.