Esta semana a programación dos Codex Cinema inclúe dous novos pases especiais e dúas estreas que amosan, novamente, o compromiso de Codex co cinema galego e o europeo.

O martes 18, ás 20:30, co gallo do Día Europeo contra a Trata de Persoas, haberá un pase especial de Quería ser. Sueños bajo la luz roja, documental dirixido por David Alonso e Julio Seijas e que conta coa colaboración de Aliad-Ultreia, asociación lucense que traballa na mellora das condicións de vida de persoas con problemas de adiccións, reclusas e ex-reclusas e mulleres vítimas das diferentes formas de violencia de xénero -entre elas a prostitución- e as súas fillas e fillos. 

Quería ser. Sueños bajo la luz roja é un documental que aborda a trata e a explotación sexual dende a testemuña e o punto de vista das mulleres que foron vítimas; tamén os seus sonos, as súas experiencias, os seus proxectos e a súa visión sobre os homes e a igualdade. 

O prezo de cada entrada será de cinco euros, dispoñibles exclusivamente na billeteira, de cada entrada un euro será doado a Aliad-Ultreia. Trala proxección haberá un faladoiro coa presenza dos directores e de compañeiras da asociación.

O domingo 21, ás 18:00, continúa a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección da segunda longametraxe da directora: Vencellos (1969). Ás 18:00 o xornalista Nico Carreira presentará o filme. Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción.

Realizadora sempre comprometida a documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias, o seu cinema recolle ecos da Nouvelle Vague francesa e dos clásicos soviéticos cos que se educou. Vencellos concurso na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes de 1969. 

A protagonista é inusual na obra de Mészáros, que habitualmente retrata o día a día de mulleres traballadoras. Esta burguesa está prisioneira da súa propia familia polo rol de muller de ben que lle é asignado. A pesar de ansiar a liberdade, este condicionamento, non só físico (por estar encerrada na súa propia casa), senón sobre todo mental, non llo permite. 

A fita pode lerse como un estudio das relacións de poder desiguais entre o estado (a profesión do marido non é casual) e os seus súbditos, pero sobre
todo denuncia o control das mulleres por parte desas mesmas institucións (políticas e familiares) gobernadas por homes.

Ademais, esta semana chega a Codex Unicorn Wars, segunda longametraxe de animación do coruñés Alberto Vázquez logo da triunfante Psiconautas, los niños olvidados (2015) e posuidor dunha prestixiosa e prolífica traxectoria no ámbito da curtametraxe animada. 

O novo filme participou nas seccións oficiais do Festival de Annecy e do Festival de Sitges. Unicorn Wars é un relato bélico que reflexiona sobre a tenrura e a maldade. Deste xeito, Vázquez sitúase definitivamente como un dos directores de animación máis importantes do noso tempo. 

Finalmente esta semana tamén chega a Codex Un año, una noche, novo filme do xironés Isaki Lacuesta que chega a salas logo de concursar na Sección Oficial do Festival de Berlín deste mesmo ano. Trátase dunha adaptación do libro Paz, amor y death metal de Ramón González, supervivente en novembro de 2015 do atentado terrorista da sala Bataclan. 

Contando co protagonismo de Quim Gutiérrez, Alba Guilera, Natalia de Molina e C. Tangana, Lacuesta ofrece unha visión analítica deste traumático suceso e das consecuencias psicolóxicas que teñen que afrontar os superviventes, persoas que non volverán a ser as mesmas.

Isaki Lacuesta foi unha das personalidades fílmicas emerxentes máis determinantes e innovadoras do no noso país a comezos do século XXI, da súa filmografías destacan filmes como Cravan vs. Cravan (2002), La leyenda del tiempo (2006), Los condenados (2009), Los pasos dobles (2011), Murieron por
encima de sus posiblidades (2014), La próxima piel (2016) ou Entre dos aguas (2018).