O Concello de Lugo pon en marcha un certame de curtas para a xuventude de Lugo que busca promover, entre os mozos e mozas, a creatividade, imaxinación e novos quefaceres neste período de confinamento ao que a cidadanía nos vimos abocados tras a declaración do Estado de Alarma como medida de loita contra a expansión do COVID-19.
“O que se pretende con esta iniciativa é animar á poboación xuvenil e dar opcións para que aproveiten as horas na casa realizando actividades que lles gusten ao tempo que desenvolven dotes artísticas”, explica Ana González Abelleira – responsable da área de Muller, Igualdade e Xuventude –
O certame está aberto a mozas e mozos de 14 a 35 anos empadroados en Lugo, que estuden ou traballen no municipio; existindo tres categorías, unha para rapaces e rapazas de 14 a 18, outra de 18 a 25 anos, e unha última de 26 a 35 anos.
Serán excluídos aqueles traballos que teñan connotacións sexistas, xenófobas, racistas ou de índole ofensiva.
As curtas, que deberán ser orixinais e inéditas, deberán rodarse no domicilio con calquera dispositivo e non debe superar o minuto de duración. Cada curta deberá ter un título (no caso de non empregar a lingua galega, deberá contar con subtítulos) e presentarase nos seguintes arquivos: MOV, MPEG4, AVI, WMV, MPEGPS, FLV, 3GPP, WebM.
Cada persoa participante poderá concorrer cun único traballo por cada modalidade.
Os traballos deberán presentarse antes das 21:00 horas do domingo, 10 de maio, e deberán remitirse por enderezo electrónico, en arquivo adxunto, a xuventude@lugo.gal. No arquivo adxunto non deberá figurar ningún tipo de indicación da identidade da persoa autora. Os datos particulares (nome, apelidos, teléfono de contacto, dirección postal, centro no que está matriculado, lugar de traballo) irán no corpo do mail.
Outorgarase tres premios, un por categoría, baseados en experiencias de aventura adecuadas á idade.
“O tribunal, que estará formado por 3 membros do eido cultural e audiovisual do municipio, valorará preferentemente, ademais da calidade artística das obras, a orixinalidade e/ou imaxinación, así como o feito de abordar temas que enxalcen a solidariedade humana e a súa capacidade de supervivencia ante dificultades”, sinalou Ana González ao tempo que concluíu que o fallo darase a coñecer antes do verán e a entrega de premios anunciarase oportunamente.
As bases poden consultarse en www.concellodelugo.gal