Maio 2018 Na dinámica da distinta programación que acolle o centro cultural O Vello Cárcere, o Concello ten programado para as vindeiras catro fin de semanas un ciclo de cine arqueolóxico, dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral. Este ciclo arrincará este mesmo domingo 13, ás 19:00 horas, co filme A arte breve: o cirurxián de Ariminun. Do ano 2017, de produción italiana, e cunha duración de 35 minutos, esta película recorda como no ano 1989 se sacaron á luz as habitacións dunha domus romana, onde se atoparon 150 instrumentos cirúrxicos, o descubrimento de equipamento médico romano máis importante ata a data. Empregando isto, a película intenta redebuxar a figura dun ciruxano da antigüidade e as distintas facetas do seu traballo.
O ciclo continúa o domingo 20, tamén ás 19:00 horas, co documental A Pompeia Británica da Idade do Bronce, do ano 2016 e cunha duración de 69 minutos. O filme recolle os aspectos máis relevantes do xacemento de Inglaterra, un poboado de cabañas de madeira a carón dunha marisma.
A terceira proxección será o sábado 26, ás 20:30 horas. Será unha curtometraxe de ficción que narra as vivencias dun poblado cántabro da época da Idade de Ferro, A visita de Plentio. Posteriormente exporase o videoclip El llanto del Lábaro, de Dianaimar Producciones, que explica a histoira de Cantabria e as guerras cántabras, coa colaboración de Clan de Breogán e Cohors III Lucensium.
Pecha o ciclo, o día 3 de xuño, ás 19:00 horas A tumba de Gengis Kan, o segredo desvelado. Esta película francesa constrúe unha histoira a medio camiño entre o documental e a aventura sobre unh das máis apaixoantes incógnitas da historia de Asia.
Tal e como explicou o arqueólogo municipal, Enrique González, quen tamén estivo no acto de presentación do ciclo, trátase da cuarta edición desta programación, que partiu dunha colaboración que se fai co Festival Internacional de Cine Arqueolóxico de Bidasoa. Así mesmo, insistiu nesta iniciativa positiva, «que é unha das mellores maneiras de divulgar a arqueoloxía, pois a través do medio audiovisual achégase á sociedade o resultado de distintas intervencións arqueolóxicas que se fan en todo o mundo».
Todas as proxeccións, con presencia da cultura romana e celta, serán no Salón de Actos do Vello Cárcere. A entrada é libre ata completar cabida.