Estrea de «María Solinha» nos Codex Cinema. O seu director, Ignacio Vilar, estará cos espectadores de Codex
Cinema o domingo 28 para un encontro especial.
María Solinha é unha desas figuras míticas da historia de Galicia. Esta pescadora de Cangas do Morrazo pasou á posteridade por ser unha das máis célebres vítimas da Inquisición en Galicia no século XVII. O seu drama reflicte un tempo de incomprensión e escuridade que, cos anos converteuse en símbolo da loita contra a inxustiza e, máis recentemente, icona feminista.
Consciente disto, da mutabilidade das historias e dos mitos, o cineasta galego Ignacio Vilar presenta en María Solinha, dous tempos, dúas Marías, dúas inxustizas. Neste filme tan especial, dúas liñas narrativas altérnanse: por unha banda, a María Solinha do século XVII perseguida pola Inquisición e por outro, a María da actualidade, perseguida igualmente por outra violencia, a dos homes e a das manadas, outorgándose un dereito non divino, senón baseado na forza e no desexo polo corpo feminino.
Estamos ante unha importante reflexión arredor da figura da muller na historia e na arte, que Vilar mostra a través dun cineasta que filma unha película sobre a historia real de María Solinha. No set de rodaxe, a actriz protagonista identifícase co drama da vítima da Inquisición, descubrindo nas súas carnes as novas inquisicións deste século, moito máis sutís, pero que exercen unha violencia intolerable. Presente e pasado, ficción e realidade, danse a man nun filme realmente necesario.
Ignacio Vilar estará nos Codex o próximo domingo 28 ás 17:00 da tarde.
«La hija» é a outra estrea nos Codex. Drama psicolóxico de gran profundidade dramática no que o actor ferrolán Javier Gutiérrez interpreta a un traballador dun centro de menores que acorda cunha interna un plan moi controvertida: coidar dela durante o seu embarazo á cambio de que cando dea a luz, sexan el e a súa muller quen adopten ao bebé.
Película sobre a maternidade xuvenil e as dificultades que ten que atravesar unha moza no seu camiño á madurez, La hija supón un traballo arrepiante sobre o mundo actual, sobre a frialdade das relacións humanas, o egoísmo e as violencias invisibles. O director Manuel Martín Cuenca amosa de maneira
xenial o debate moral dos protagonistas, enfrontados a unha paisaxe árida que os rodea e que puntúa o seu estado emocional.
Outro dos alicientes da película é a banda sonora creada por Vetusta Morla, o que supón o debut de esta banda española no campo da música cinematográfica.