Nova ficción documental de Carmen Granxeiro e Xácia Ceive: «Alex & Munchie contra o cisheteropatriarcado».
As creadoras e activistas cuir Xácia Ceive e Carmen Granxeiro, mergúllanse no mundo das súas personaxes na ficción, Alex e Munchie. Neste meta-documental, que explora o que significa representar vidas trans, cuir e lésbicas na arte, atopámonos cunha traballadora sexual e unha aspirante a directora de cinema alén das propias creadoras.
Na transformación dende directoras até personaxes, Xácia e Carmen medram encarnando procesos de transición e performatividade entre identidades movedizas. Entrar nos dramas destas vidas permítelles empregar o poder da comunidade na procura das verbas que representen as complexidades veladas das vidas cuir.
Nota das directoras
Cara finais de 2022, entre a febre e a inspiración que se acumulou de estármonos a escribir xuntas, xurdiu a necesidade de crear, no medio cinematográfico, um documental que puidese abordar a cuestión de como representar vidas marxinalizadas. A partires da nosa propria marxinalización quixemos falar de temas como o traballo sexual, dende un punto de calma e a prol da escoita activa, creando espazos para as complexidades e sutilezas desas realidades.
Quigemos explorar as voces das vidas que están, na meirande parte, silenciadas socialmente. O proxecto colleu un ritmo imparable, poñendo en valor a precaridade social como base dende a que facer arte alternativa, incorporando o alicerce fundamental da nosa subsistencia e existencia: a comunidade cuir.
Entre as (des)aventuras da chantaxe, a relación desequilibrada entre Alex e Tomi, as trapalladas da rodaxe de Munchie e as nosas proprias aprendizaxes vitais, (re)presentamos unha experiencia sempre autoconsciente e enriquecedora que nos permite explorar o proceso mesmo da creación e a construción de relatos ficcionados, auto-biográficos e, na meirande parte, o que se xoga entre ambos.
Carmen P.G. Granxeiro
Formouse no audiovisual e móvese no mundo da creación, onde experimenta coa ilustración, a fotografía e o deseño gráfico. No ámbito do documental, con «Benvidas ao club» (2019) conseguiu no Festival de Málaga a Biznaga de prata, premio especial «Afirmando los derechos de las mujeres». Tamén participou na sección oficial do Festival Alcances de Cádiz con «Un día normal» (2020), e na sección Panorama Galego do Ourense Film Festival con «Persoas S.A.» (2021).
Ademais de formar parte de exposicións e experiencias artísticas e sociais colectivas, recibiu premios polas súas creacións de videoarte e foille concedido o II Premio Literario Pinto e Maragota pola novela «Estranxeiras» (Xerais, 2022).
Xácia Paris Ceive
É fundadore e organizadore principal do proxecto Sete Outeiros, un colectivo na defesa da vida cuir e do rural, que organiza un espazo na natureza da Ribeira Sacra para persoas trans e cuir. Dende Sete Outeiros publicou unha triloxía de tranzines: «Linguagem Alem do Binário», «O que Fazer com Género» e «Juntis». Tamén dende ese colectivo está a desenvolver o xogo social: «Dianhes», que se mergulla no mundo das lendas galaicas e antigas disidencias de xénero/sexo para presentar novos xeitos de entender as vidas trans e cuir arraigadas na cultura local. Baixo o pseudónimo de Som Paris, é autore da novela «Raven Nothing» (Aqueduct Press, 2019)
Artistas convidades
O Rabelo, Iván Mouronte e Kalte Sonne