Esta semana chegan aos Códex Cinema dúas películas controvertidas perfectas para o contexto económico e político que vivimos nestes tempos. Dúas películas tamén ben diferentes, pero que chaman a cambiar as nosas concepcións do noso mundo, a pensar a sociedade na que vivimos e a estimularnos coas imaxes máis poderosas.
Por unha banda, un clásico do cinema recente como Crash, de David Cronenberg, que volve aos cinemas no seu vixésimo quinto aniversario desde que se proxectara no festival de Cannes dividindo á crítica e mesmo ao xurado do certame, onde Francis Ford Coppola foi moi crítico coa película e dividiu de tal maneira aos membros encargados de outorgar os premios que finalmente crearon o Premio Especial do Xurado para contentar aos defensores do filme. A polémica non se quedou aí, senón que houbo moitos intentos por parte de medios e políticos conservadores por prohibir o filme en Gran Bretaña e Estados Unidos, onde se estreou coa mesma cualificación que as películas pornográficas e baixo a etiqueta de “o filme máis controvertido dos últimos anos”.
Crash adapta a obra homónima de J.G, Ballard, o escritor de ciencia ficción que creou os mundos futuros máis tanxibles. Futuros marcados pola decadencia da civilización por culpa do capitalismo (en Hola América imaxina uns Estados Unidos post-apocalípticos gobernados por Charles Manson) onde os homes e mulleres que habitan ese mundo parecen reducidos aos seus instintos máis primarios. Iso mesmo pasa en Crash, a súa obra máis radical, onde segue a un matrimonio dominado pola necesidade de ambos de sentimentos extremos, ben sexa o sexo ou a violencia.
Cronenberg leva á pantalla de forma maxistral o relato balardiano e a cidade de Toronto se converte nunha urbe dominada por rañaceos asépticos e estradas con infinitas quendas de vehículos. Un inferno de cemento e metal onde os protagonistas se rebelan a través do sexo e a necesidade de mutilar o seu propio corpo a través de accidentes automobilísticos. Un filme que pese a súa insólita proposta ten moito que dicir sobre o noso comportamento nas sociedades tecnolóxicas. Unha película visionaria que se poderá ver excepcionalmente en Codex Cinema a partir do próximo xoves.
Máis apegada á realidade, Nuevo orden do mexicano Michel Franco fabula tamén sobre un futuro próximo onde a división cada vez máis real entre privilexiados e desfavorecidos acaba provocando un conflito violento. A película nace dentro das continuas revoltas sociais cada vez máis habituais nos países da América Latina, o desapego cara as formas tradicionais de poder e a confianza en novas mitoloxías.
Considerada pola crítica internacional como a resposta mexicana a Parásitos de Bong Joon-ho (Oscar a mellor película na última edición dos Oscar e grande éxito de público en Codex Cinema), o filme gañou o Gran Premio do Xurado no Festival de Venecia de 2020.
Certamente, ten moito que ver con Parásitos, xa que a partir da sátira social mostra unha sociedade extremadamente dividida entre ricos e pobres, a través da celebración dunha voda da alta sociedade onde os traballadores, inhabilitados polas barreiras económicas e ideolóxicas, deciden rebelarse contra a súa dramática situación social. Un filme sorprendente e cheo de xiros de guión, que se move entre a aguda análise socioeconómica e a brutal comedia bufa.
A película foi atacada duramente polos medios tradicionais mexicanos polo seu ataque sen concesións ao clasismo e racismo da sociedade. Acusada da mesma forma de racismo inverso ou de caer en estereotipos maniqueos, o filme foi estreado a semana pasada conseguindo ser o filme con maior recadación da fin de semana e chega por fin a Lugo da man de Codex Cinema o venres 26 de febreiro.