O cineasta e emprendedor rural Óliver Laxe acaba de ser proposto pola Deputación de Lugo ás Medallas Castelao 2020 polo seu labor no impulso do Novo Cinema Galego, e polo seu compromiso e implicación na defensa e promoción do medio rural galego, sobre todo na comarca dos Ancares, onde está a reformar a súa casa de Vilela como centro pedagóxico, terapéutico e comunitario para que sexa un punto de encontro e creación con obradoiros, proxeccións, conferencias e encontros comunitarios de carácter cultural, sen ánimo de lucro, aos que acudan xentes de todos os eidos, formacións, idades e nacionalidades.

“Coas Medallas Castelao, a Xunta de Galicia distingue aos galegos e galegas pola súa contribución á súa terra dende moi diferentes perspectivas. Dende a Deputación estamos convencidos de que Óliver Laxe debe ser distinguido con este recoñecemento e por iso, diriximos a proposta no nome da institución”, subliña Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo. Ademáis, a candidatura conta co apoio da trintena de asociacións e concellos.

OLIVER LAXE

Óliver Laxe é fillo de emigrantes galegos, naceu en París no mes de abril do ano 1982. Regresou a Galicia con seis anos, no ano 1988. Os seus primeiros estudos foron na cidade de A Coruña, e posteriormente trasladouse a Barcelona a estudar cine na Universidade Pompeu Fabra. Os seus inicios no mundo do cine foron no ano 2006, tras a súa marcha a Londres, onde rodou a curta E as chemineas decidiron escapar, en colaboración con Enrique Aguilar.
Máis tarde, mudouse a Tánxer, onde rodaría as curtametraxes Sona unha trompeta, agora vexo outra cara e París #1, coas que conseguiu varios premios en certames cinematográficos.

En Tánxer, tamén creou o proxecto Dao Byed, unha plataforma de creación cinematográfica para nenos e adolescentes procedentes de ámbitos desfavorecidos. Desta experiencia en Tánxer, xurde a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, un ensaio visual a medio camiño entre o documental e a ficción, no que narra a historia de Óliver, un profesor que propón a un grupo de nenos rodar unha película en Tánxer. Coa súa longametraxe obtivo o premio da Fipresci (Federación Internacional da Prensa Cinematográfica) no Festival Internacional de Cine de Cannes no ano 2010, na sección Quincena de Realizadores. Igualmente, tamén conseguiu outros galardóns no Festival de Mar de Plata e no Festival de Xixón.

No ano 2016 estréase no Festival de Cannes a súa segunda longametraxe, Mimosas, conseguindo o Gran Premio da Semana da Crítica, así como tamén vai a lograr outros moitos recoñecementos en diferentes foros e festivais internacionais.

O que arde estreouse o 21 de maio de 2019 na 72º Edición do Festival Internacional de Cine de Cannes, na sección oficial Una Cierta Mirada, onde conseguiu o Premio do Xurado, sendo a primeira vez que unha película en galego se proxecta na sección oficial do Festival de Cannes.

Despois da exitosa estrea comercial, avalada polo público e pola crítica, seguiu recollendo premios en diferentes festivais e certames, dos que podemos destacar dous Premios Goya (Goya á mellor fotografía e Goya á actriz revelación), o Astor de Ouro á mellor película no Festival de Mar de Plata, mellor filme europeo e mellor fotografía nos Premios Gaudí ou os seis premios na XVIII Edición dos Mestre Mateo, entre outros.