(20:15 horas) Concerto de Lina e Lola + Unto Vello

Concerto de Lina e Lola + Unto Vello
Lina e Lola, xunto con Unto Vello, actuará de balde no ciclo ‘Lubicán’, incluído dentro da programación do Lugo Cultural / Primavera Cultural, o mércores 25 de febreiro ás 20.15 horas na Praza de Santa María.
En caso de condicións climatolóxicas adversas trasladarase ao Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.
Previamente, ás 12.30 horas, haberá un encontro gratuíto con Unto Vello na Casa do Saber, que require previa inscrición en cultura.lugo@usc.gal
UNTO VELLO
É un proxecto que nace das recollidas de cantigas tradicionais galegas que fan os seus integrantes: Bieito Pereira e Xabi Gómez. Pezas ás que aplican arranxos propios con instrumentación tradicional e voz. O resultado é unha música dedicada ao baile que tece comunidade en cada actuación.
No seu primeiro ano de traxectoria, pasaron por escenarios como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, ademais de acadar recoñecementos como o feito de seren finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional.
Este 2026 será o ano do seu debut discográfico, cun álbum titulado Inmaterial que conta coa produción de Hevi (Laboratorio Soyuz). O disco recompilará os cantares recollidos por todo o país polo dúo, froito dun intenso labor de investigación e reinterpretación da música tradicional galega.
LINA E LOLA
Lina e Lola nace no Morrazo no ano 2013. Ao comezo eran só dúas, pero a familia foi medrando ata chegar ás nove pandeireteiras actuais.
Nesta década de vida, teñen colaborado con artistas tan recoñecidos como Xabier Díaz, Mondra, El Nido, Xurxo Fernandes, Camaño&Ameixeiras ou AIlá, entre outros. Ademais, neste 2026 están preparando unha colaboración moi especial. O seu repertorio nace do traballo de campo de moit@s compañeir@s e percorre toda a xeografía galega e zonas estremeiras
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
























