Concerto de Sofía Espiñeira

Sofía Espiñeira actuará no ciclo ‘Lubicán íntimo’, incluído dentro da programación da Primavera Cultural, o martes 14 de abril ás 20.30 horas na Casa do Saber do campus de Lugo. A entrada é libre e aberta, ata completar a capacidade da sala.
SOFIA ESPIÑEIRA
Artesá de cancións, creadora e artista multidisciplinar, as súas composicións combinan o latexo das músicas do mundo coa canción de autora máis espida.
Presenta agora o seu novo disco, “Xeografías” , un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos; temas universais que nos atravesan dende o máis íntimo ata o comunitario e o político.
Ao vivo, Ailén Kendelman na percusión @ailenkendelman e Yudit Almeida @yudit_._ no contrabaixo completan este trío acústico que explora as sonoridades e as rítmicas da raíz galega e a latinoamericana.
Natural de Mugardos e afincada en Compostela, hai case unha década que Sofía Espiñeira compaxina o seu traballo musical co do circo, a danza e o teatro
Xeografías (2025), un canto ás paisaxes que nos percorren, aos territorios que habitan dentro e fóra da pel. A procura dun lugar mellor onde situarse leva á autora a unir estas cancións que invitan a redescubrir o mapa, a moverse de sitio e a entrar no corpo como territorio e na natureza como casa.
Neste novo traballo, Sofía Espiñeira segue apostando polos sons de raíz, creando atmósferas sinxelas que achegan a canción de autora máis íntima e crúa a ritmos que ulen a terra e beben das músicas do mundo, dende o camiñar dunha chacarera ata o latexo da nosa música tradicional, poñendo en valor a oralidade, as nosas raíces e a memoria de que un día fomos nómades. @luneda
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
























