Conferencia de Víctor Cageao, director das Coleccións Reais de Patrimonio Nacional
A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o xoves, 26 de febreiro, unha xornada co arquitecto lucense Víctor Cageao, que falará sobre a dirección dunha das coleccións máis relevantes integradas en Patrimonio Nacional e sobre a súa relación cun dos edificios de referencia da arquitectura contemporánea no noso país: a Galería das Coleccións Reais.
O acto celebrarase ás 20:00 horas na sede colexial luguesa (rúa Puro Cora Xornalista, 1).
A actividade está aberta ao público en xeral, pero por motivos de organización, prégase
inscrición previa (ENLACE). Ao remate da presentación ofreceranse petiscos para
favorecer unha charla distendida co arquitecto.
A sesión centrará a súa atención na xestión, conservación e difusión dun conxunto
patrimonial de enorme valor histórico e simbólico, así como no papel que desempeña a
arquitectura actual na construción do relato institucional e cultural do Estado.
A Galería das Coleccións Reais é o novo museo de Patrimonio Nacional, situado no corazón de Madrid xunto ao Palacio Real, onde se reúnen máis de 700 obras de arte representativas de cinco séculos, incluíndo pintura, escultura, tapices e carruaxes, representativas de cinco séculos de arte. Foi proxectada polos arquitectos Emilio Tuñón e Luis Moreno Mansilla, consolidouse como unha peza clave no contexto monumental de Madrid e como un exemplo de diálogo entre patrimonio histórico e arquitectura contemporánea.
O edificio da Galería das Coleccións Reais, cunha superficie de máis de 40.000 m2, foi
inaugurado no verán de 2023 e suma máis de 600.000 visitantes ao ano, consolidándose como referencia cultural e turística en España e en Europa. Deseñouse para formar parte da paisaxe natural-artificial da cornixa poñente de Madrid e para preservar o carácter público e aberto da praza da Almudena.
Recibiu xa importantes premios de arquitectura, entre os que destacan o primeiro premio do Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM 2016), o FAD de arquitectura en 2017 e o American Architecture Prize (AAP 2017).
Máis información do edificio da Galería
das Coleccións Reais: https://www.galeriadelascoleccionesreales.es/edificio
Víctor Cageao
Víctor Cageao é arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da xestión cultural e patrimonial.
Actualmente, é o director das Coleccións Reais de Patrimonio Nacional e, como tal, da Galería. Dirixindo o equipo vinculado ás Coleccións Reais dentro de Patrimonio
Nacional, traballa na coordinación e posta en valor de fondos históricos de primeiro
nivel.
A súa traxectoria combina coñecemento arquitectónico e responsabilidade
institucional nun dos organismos culturais máis relevantes do Estado.
A súa carreira profesional estivo vinculada á xestión e planificación no ámbito
museístico, con especial dedicación á arquitectura de museos, á museografía e á
conservación de coleccións. De feito, desde a Subdirección Xeral de Museos Estatais
do Ministerio de Cultura foi o responsable dos proxectos de renovación de múltiples
museos como o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Nacional de Arqueoloxía
Subacuática de Cartaxena, o Museo Nacional de Escultura de Valladolid ou o Museo
de Málaga.
Entre os anos 2015 e 2018 foi coordinador xeral de Programación no Museo del Prado
que incluía, entre outras áreas, a atención ao visitante e a arquitectura, polo que
asumiu a xestión do concurso internacional para a rehabilitación do Salón de Reinos
del Buen Retiro.
Desde xuño de 2022 ata a actualidade ocupa, neste mesmo museo, o
posto de coordinador xeral de Conservación, e é responsable das exposicións
permanentes e temporais e dos depósitos e préstamos de coleccións, así como da
biblioteca e o arquivo.
Cageao coñece a fondo o Patrimonio Nacional. Durante case catro anos, entre 2018 e
2022, tivo ao seu cargo a Dirección de Inmobles e Medio Natural da institución e, por
tanto, as intervención e mantemento dos palacios e xardíns reais. Ademais de director
das Coleccións Reais, e máximo responsable da Galería, é tamén responsable de
espazos tan relevantes como a Real Armería, o Arquivo Xeral de Palacio ou as Reais
Bibliotecas do Palacio de Madrid e do mosteiro de El Escorial.























