DivúlgaT 2026

A X edición do DivúlgaT, unha actividade incluída na programación do Outono Cultural, terá lugar os días 5 e 13 de novembro de 2026, ás 19:00 h, na Casa do Saber do campus de Lugo.
A finalidade do DivúlgaT, organizado pola Asociación de Investigadores AgroMar, é dar visibilidade social ao traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus de Lugo e potenciar o galego como lingua de comunicación e divulgación científica.
A iniciativa está aberta a calquera persoa con actividade investigadora no Campus de Lugo que queira presentar, nun máximo de 10 minutos, algún aspecto do seu traballo de investigación, as liñas de traballo do seu grupo ou algún tema relacionado coa súa área de coñecemento que considere de interese e utilidade para o público xeral.
Como en edicións anteriores, as persoas participantes realizarán un obradoiro formativo de divulgación científica de 12 horas, de carácter teórico-práctico e impartido pola bióloga e divulgadora Andrea Muras, co obxectivo de preparar e mellorar as presentacións antes do evento. A realización desta formación será obrigatoria para participar no DivúlgaT, agás para aquelas persoas que xa realizasen o obradoiro en edicións anteriores.
As inscricións están abertas neste formulario. Para máis información, contactar no correo investigadores.agromar@gmail.com.


