Festival de Jazz de Lugo 2026, concerto de Erik Truffaz & Antonio Lizana
Festival de Jazz de Lugo 2026, concerto de Erik Truffaz & Antonio Lizana
Seducido pola tradición folclórica española e polas diversas manifestacións do seu patrimonio cultural, Miles Davis proxectou en Sketches of Spain unha visión artística intensa e profundamente poética.
O traballo, que dialoga co «Concierto de Aranjuez» de Joaquín Rodrigo e co universo expresivo do flamenco, abriu camiño distinto nos adentros do jazz moderno. Cualificada de obra mestra, esta gravación articula unha relación sobranceira entre o jazz e a música clásica europea e supuxo un fito decisivo na apertura do jazz á chamada música do mundo.
Atraente abandeirado da modernidade e herdeiro do período electrónico de Miles Davis, o trompetista Erik Truffaz, unha das figuras máis destacadas do jazz europeo, e Antonio Lizana, ídem con respecto ao jazz flamenco, brindan agora unha mirada louzá, New Sketches of Spain, concibida para conmemora-lo centenario do nacemento de Miles Davis.
Trátase dunha lectura contemporánea da esencia daquel mítico disco.
Truffaz achega o seu son atmosférico e lírico inconfundible, receptivo á música electrónica e á estética cinematográfica. Lizana incorpora o flamenco desde a raíz, integrando cante jondo, saxofón e un coñecemento superior do compás e da tradición andaluza.
Neste encontro o flamenco non serve de adorno exótico nin o jazz como marco ríxido; ámbalas linguaxes musicais se sitúan en pé de igualdade e orixinan unha música mestiza, emotiva e plenamente actual na que a improvisación, o silencio, a enerxía rítmica e maila evocación paisaxística coexisten.
New Sketches of Spain é unha viaxe sonora a través dunha España imaxinaria e real a un tempo, aberta, mediterránea e contemporánea, enfocada desde o prisma jazz do século XXI.

