Inauguración da exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”

O 15 de abril – 18:00 horas – a Praza de San Marcos acollerá a inauguración da exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”, de Alba Díaz, unha iniciativa que se inaugura coincidindo co Día Mundial da Arte para reflexionar sobre a realidade sociolingüística de Galicia a través da creación visual.
A autora estará acompañada pola deputada de Cultura Iria Castro, a poeta Antía Otero e a cantante Laura LaMontagne
Este proxecto fotográfico ponlle rostro a unha xeración de nenas, nenos e adolescentes galegos que medraron nun contexto de deterioración da lingua propia, o que derivou nunha situación de emerxencia lingüística.
Malia terse criado baixo a vixencia do Decreto de Plurilingüismo no sistema educativo dende o ano 2010, as persoas retratadas manteñen o galego como a súa lingua materna e de uso maioritario, converténdose en protagonistas dunha resistencia cultural esencial.
A proposta articúlase de xeito orgánico mediante o uso do retrato fotográfico en branco e negro, que se funde co simbolismo de destacadas figuras da nosa música e literatura.
A estética da mostra integra tamén palabras que nomean os afectos e a natureza propia do noso país, establecendo un paralelismo entre a perda do idioma e o cesamento da choiva como fenómenos que alteran a nosa esencia.
Esta procura dos trazos elementais da identidade reivindica o respecto á diversidade e defende o galego como unha ferramenta imprescindible para vivir e nomear a nosa experiencia do mundo
























