O martes 30 de setembro de 2025, ás 19.00 horas, no Museo Provincial de Lugo.
A mostra abrangue unha experiencia singular: 45 manequíns con máis de 600 pezas de roupa antiga ou reproducións fieis, xunto a utensilios, obxectos etnográficos e aparellos da vida cotiá, expostos ao lado das obras orixinais.
Esta posta en escena permite mergullarse nas mesmas escenas representadas en cadros e esculturas, apreciando ao detalle o vestiario, a ourivería e os obxectos empregados polos nosos antepasados.
A exposición recupera do esquecemento figuras fundamentais da memoria popular: mulleres camiño da fonte con sellas sobre a cabeza, vendedoras do mercado de Lugo, cacharreiras das feiras, rezadoras dun rosario ou os personaxes da Romaría de Darbo…
“O Vestiario das Almas Pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas”, é unha iniciativa que vincula arte, educación e investigación, desenvolvida pola Rede Museística Provincial coa colaboración da Asociación de Danza e Teatro CAFUNÉ e da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
O proxecto, coordinado por Encarna Lago e comisariado por David Quiñones e José Luis Rodríguez, enmárcase no programa de investigación educativa impulsado pola Rede, co obxectivo de mellorar o acceso ás coleccións como fontes primarias de coñecemento, favorecendo unha aproximación renovada e crítica ao patrimonio artístico galego.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte