
O venres, 28 de novembro, ás 19.00 horas, inaugurarase a renovada sección de numismática e medallística do Museo Provincial de Lugo, onde se exporá de forma permanente do sestercio da caetra, unha moeda BIC ligada á orixe da cidade de Lugo adquirida en 2023 pola Vicepresidencia da Deputación .
O novo espazo expositivo, reorganizado en torno á exhibición desta peza e doutras seis moedas -dúas suevas e catro visigodas- incorporadas tamén nese data, amosa un conxunto de 677 bens -551 moedas, 1 billete, 87 medallas e outros 38 obxectos monetarios-, que se corresponden co 6,6% do total das coleccións de numismática e medallística do MPL.
A sala, que ocupa unha superficie de 70 m2 na panda sur do claustro alto, presenta unha museografía realizada con criterios de accesibilidade universal, de conservación preventiva e de seguridade dos bens expostos, cuxo contido científico estivo a cargo da responsable do Departamento de Arqueoloxía e Historia do MPL, Mª Ofelia Carnero Vázquez, e da directora do museo, Aurelia Balseiro García.
A deputada de Cultura Iria Castro convidou a participar na inauguración deste espazo que, destacou, “conta cun novo discurso expositivo pensado para facer máis accesible, didáctica e interactiva a visita á colección de numismática do Museo Provincial de Lugo, unha das máis destacadas do Estado”.
A través da renovación das vitrinas, da iluminación e da sinaléctica, así como da incorporación de pantallas interactivas para proxectar imaxes 3D das moedas, o discurso expositivo ofrece unha experiencia inmersiva, cunha narrativa orientada a conectar con todas as audiencias combinando as funcións científica e educativa co valor estético do
espazo.
Ademais, atendendo á preferencia do público actual polas exposicións que se valen da variabilidade de soportes, e seguindo os criterios de accesibilidade que caracterizan ao
MPL, procedeuse á instalación dunha estación táctil, que fomenta a interacción coa colección, e dunha máquina expendedora de moedas, que permitirá levar un recordo material da visita. Ambos elementos aportan dinamismo á sala e contribúen a unha mellor aprehensión dos contidos expostos nela para todos os visitantes.