Presentación de ‘Tempo de correspondencia’ de Xerardo Quintiá e Xesús Fraga

O venres, 13 de febreiro, ás 19:00h, terá lugar na Librería Trama a presentación de Tempo de correspondencia (Xerais), de Xerardo Quintiá e Xesús Fraga. Acompañando aos autores estarán a escritora Cecilia F. Santomé e o director de Xerais Fran Alonso.
Sobre Tempo de correspondencia:
Xurdido do azar, da carencia e, en maior medida, da relación persoal entre Xesús Fraga e Xerardo Quintiá, «Tempo de correspondencia» valora a comunicación, non só como un acto de achegamento entre eles, senón como forma de reclamar un espazo onde entendernos a nós mesmos e, á vez, entendermos o outro, a outra. Se a maior capacidade da palabra é a de contar, os autores destes textos cóntanse un ao outro, e nese acto enfíase un posible sentido do existir, da amizade, da literatura como paixón e como forma de vida, da música e do cinema, das lecturas, da infancia no tempo pasado e dos proxectos do tempo futuro. Mais tamén se reflexiona sobre a inmensa escuridade do tempo presente, sobre a depresión como pozo, como Negra Sombra rosaliana. Talvez o noso maior acto de xenerosidade co resto das persoas sexa estarmos dispostos a comprender; mais para comprender é preciso comunicar. Estas cartas, xa que logo, representan por si mesmas esa posibilidade de darse, de entenderse, e esgazan o espírito dogmático do século: a barbarie. (Xerais)
























