Presentación do ensaio fotográfico «Seventy days on the road»

Presentación do ensaio fotográfico «Seventy days on the road»
- O COAG Lugo presenta o libro seventy days on the road, un ensaio fotográfico do arquitecto Alberto Rodríguez Arias.
- O lucense, afincado en Suecia, viaxou en solitario durante 70 días, de agosto a outubro de 2023, para explorar a arquitectura, as estradas e as paisaxes de 11 países europeos.
- Percorreu 11.000 quilómetros ao volante dun Fiat Panda de 1990 con dúas cámaras coas que captou as 400 fotografías da publicación.
- O acto, aberto ao público en xeral, pero con inscrición previa, celebrarase o vindeiro mércores, 14 de xaneiro, ás 20 horas na sede colexial (Rúa Puro Cora, 1, 27002 Lugo).
O traballo inspírase tanto no Grand Tour tradicional como nas viaxes de procura de
inspiración realizadas por Edward e Josephine Hopper (1941 e 1952-1953), así como
nas rutas do arquitecto español Ramón Vázquez Molezún, que nos anos cincuenta
percorreu boa parte de Europa coa súa Lambretta para coñecer de primeira man as
obras mestras da arquitectura que estudara na escola.
seventy days on the road (thehomelessarchitect, 2025) é o primeiro dunha serie de
road trips que exploran o mundo desde o punto de vista dun fotógrafo de arquitectura,
onde o destino final —os edificios, os lugares, a arquitectura— non é o único obxectivo.
O propio traxecto, a maneira de chegar, convértese nun elemento central de
inspiración, e as vistas enmarcadas desde o posto de condución adquiren tanta
relevancia como o lugar ao que se chega.
Este ensaio fotográfico recolle unha viaxe en solitario, realizada entre agosto e outubro
de 2023, de setenta días, 11.000 km e 11 países europeos (Francia, Luxemburgo,
Alemaña, Suíza, Liechtenstein, Austria, Italia, Albania, Montenegro, Bosnia e
Eslovenia), realizada ao volante dun Fiat Panda de 1990. O libro reúne máis de 400
fotografías, captadas con dúas cámaras do arquitecto e seleccionadas entre máis de
4.000, centradas principalmente en obras clave da arquitectura do último século, pero
tamén nas estradas, paisaxes e escenas cotiás atopadas ao longo do camiño.
Alberto Rodríguez Arias
O autor, Alberto Rodríguez Arias (Lugo, 1989), é doutor arquitecto, investigador e
fotógrafo de arquitectura. Traballou como arquitecto en Eslovenia, España e Suecia,
país no que reside actualmente, combinando o exercicio profesional coa
documentación de arquitectura, fundamentalmente en Europa. No seu tempo libre
dedícase á conservación e restauración de vehículos antigos, cos que realiza longas
viaxes para explorar e fotografar arquitectura. É tamén autor de numerosos artigos
sobre arte e automóbil.
INSCRICIÓN
A actividade está aberta ao público en xeral, pero por motivos de organización, prégase inscrición previa (ENLACE). Ao remate da presentación ofreceranse petiscos para
favorecer unha charla distendida co autor.





























