
O Centro Asociado UNED Lugo acollerá o venres 28 de novembro o V Congreso da Muller Rural, un encontro que reúne a expertas, institucións, emprendedoras, investigadoras e líderes comunitarios para reflexionar sobre o papel fundamental da muller na sustentabilidade, o emprendemento e a transición cara a unha economía rural máis verde.
Baixo o lema “A familia rural, o poderoso gardián da natureza”, esta edición busca destacar a contribución da muller rural na protección do territorio, a transición ecolóxica e a revitalización da España rural.
O Congreso está coorganizado por Tu Repueblas, a Asociación Española Multisectorial de Microempresas (AEMME), a Embaixada do Reino dos Países Baixos en España e a UNED Lugo, quen unen esforzos para ofrecer un espazo de diálogo, formación e cooperación.
As mulleres son un elemento central para a vitalidade do sector rural, que cumpre coa importante labor de xerar alimentos de calidade e proximidade. Tamén coidan do territorio, facéndoo resiliente ante eventos como os incendios que presenciamos este verán.
Os organizadores buscan vincular a consecución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e as metas de adaptación ao cambio climático coa inclusión feminina no medio rural.
Este enfoque cobrou aínda máis relevancia no verán de 2025, cando 60 bombeiros neerlandeses, logo de teren sido capacitados en Ourense, acompañaron ás brigadas españolas a sufocar os incendios. O seu compromiso mostrou que a defensa da biodiversidade e das paisaxes rurais non é só unha cuestión local, senón un desafío europeo compartido.
O Congreso toma esta experiencia como símbolo de resiliencia, solidariedade e coidado do territorio. Valores que conectan directamente co liderado feminino no medio rural e coa visión conxunta entre Galicia e os Países Baixos para integrar a protección do patrimonio natural e o fortalecemento o tecido social
A xornada estrutúrase en seis bloques temáticos que combinan relatorios, diálogos e intercambio de experiencias reais do territorio.
O evento será inaugurado pola Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; pola Deputada da Área da Muller e Igualada da Deputación Provincial de Lugo, Marisol Morandeira; polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o Conselleiro de Agricultura de Países Baixos en España, Machiel Kommers e a directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira
O Bloque 1, sobre incendios forestais e biodiversidade, contará coa participación de Odavia Bueno, avogada e intérprete cultural da brigada neerlandesa; Jelmer Dam, do Instituto Neerlandés de Seguridade Pública; e Fernando Veiga Aguiar, Subdirector Xeral de Extinción da Xunta de Galicia. Este bloque presenta a cooperación hispano-neerlandesa como exemplo de resposta climática conxunta.
O Bloque 2 abordará o papel da auga como eixe central para os obxectivos climáticos e rurais, coas intervencións de Marina Gatón (Xunta de Auga de Zuiderzeeland), Vanessa Canelo (G100) e Daphne Hermosilla (UPM), moderadas por Ana Belén Traseira, directora de UNED Lugo.
Trátase dun espazo onde se compartirán visións sobre a xestión hídrica, elemento clave para a agricultura e a vida no rural.
O Bloque 3, dedicado á formación que impulsa o futuro rural, abrirase coa ponencia de María Martos Pérez, representante da Rede de Centros de Innovación Territorial, que presentará estratexias para fortalecer as capacidades rurais.
A continuación, a mesa “Aprender para Transformar” reunirá a Adriana Evangelista (Observatorio de Benestar Animal), Mercedes Rois (Innovawood) e Ana Corredoira (As Vacas da Ulloa), quen reflexionarán sobre as aprendizaxes que o propio rural xera e necesita.
O Bloque 4 destacará as historias de éxito de empresas rurais consolidadas como Pazo de Vilane, Mieles Anta e Queixos Airas Moniz, representadas por Nuria Valera-Portas, Paula Bernárdez e Ana Vázquez, que mostrarán como o emprendemento no rural pode xerar economía sólida, sustentable e con impacto social.
O Bloque 5, “Raíces que sosteñen”, porá o foco no valor social e comunitario do rural, a través da ponencia de Eva González (Proxecto Mixturando) e a mesa con María Valcárcel (Aldealista) e Mónica Requeijo (Vacantes.gal). Debaterase como a identidade local, as redes de apoio e os saberes tradicionais sosteñen a vida comunitaria.
O Bloque 6, “Sementes de futuro”, abrirá a conversación cara ao emprendemento emerxente liderado por mulleres. Participarán Tamara Castro (Sacrapastas), María Bouzas (Tataraboas), Eva Rodríguez (Granxa Ameixeira) e Mónica Requeijo (As Vacas dos Meus), coa moderación de Cristina López (Kris Pereira’s) Este bloque mostrará como novas iniciativas están transformando a maneira de vivir e traballar no rural galego.
Como peche, o Congreso contará coa intervención de Verónica Marcos Arrojo, presidenta de FADEMUR, quen ofrecerá unha reflexión final sobre o liderado feminino como motor de cohesión territorial.
Un espazo para seguir construíndo futuro: Tras a clausura, celebrarase un cóctel institucional co Conselleiro Agrícola da Embaixada do Reino dos Países Baixos no Centro Cultural O Vello Cárcere, onde se promoverá o intercambio de experiencias e alianzas para avanzar en proxectos conxuntos entre Galicia e Países Baixos.
PROGRAMA E INSCRICIÓN (GRATUÍTA):