Visita teatralizada gratuita no cemiterio de San Froilán
Visita teatralizada gratuita no cemiterio de San Froilán
O Grupo de Teatro Achádego protagonizará este domingo, 20 de setembro, ás 17.30 horas, unha nova visita cultural ao recinto baixo o
título “Persoeiros peculiares que deixaron pegada na historia lucense”
A proposta recupera a figura de varios personaxes populares que destacaron precisamente por vivir á marxe das convencións sociais, por
romper co establecido e por deixar tras de si historias tan singulares como humanas. A través da interpretación teatral, o público poderá
redescubrir a súa pegada e achegarse a unha parte da historia de Lugo menos solemne, pero igualmente valiosa.
Entre os protagonistas da visita estará Madalena da Ponte, coñecida pola súa personalidade libre e polo seu particular xeito de entender a
vida; Caín o da Lotaría, popular vendedor de lotería cuxo carácter imprevisible o converteu nun personaxe ben coñecido na cidade; Mercedes a Petateira, posiblemente unha das últimas maleteiras de Lugo e de Galicia, ligada durante anos ao tren Coruña-Barcelona coñecido como O Shangay; e Currinche, Alfredo Varela Vello, quen se presentaba como “mestre de esgrima” e que acabou converténdose nun dos personaxes máis pintorescos da vida urbana lucense.
Moitos deles quedaron tamén inmortalizados en retratos realizados por artistas lucenses e que aínda hoxe forman parte do imaxinario popular da cidade.
Con esta actividade, o Concello continúa apostando por poñer en valor o Cemiterio de San Froilán como espazo patrimonial, cultural e de
memoria, achegando ao público historias e figuras que axudan a comprender Lugo desde unha perspectiva diferente.
As visitas teatralizadas forman parte dunha programación que busca combinar divulgación histórica, patrimonio e creación escénica,
facendo da memoria da cidade unha experiencia viva e compartida.

