Xornada sobre a represión das mulleres durante o franquismo

O Pazo de San Marcos acollerá este xoves 29 de outubro, ás 19:30 horas, a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer.
O Patronato de Protección a la Mujer, activo ata 1985, actuaba baixo unha suposta finalidade de protección e reeducación, pero sometía numerosas mulleres e mozas a un férreo control sobre a súa conduta e a súa vida persoal.
A xornada permitirá coñecer mellor o funcionamento desta institución, recuperar as experiencias das afectadas e analizar as dificultades que persisten para documentar os abusos e avanzar no recoñecemento e na reparación das vítimas.
Participan tres especialistas en memoria histórica e feminismo:
- Montse Fajardo Pérez, xornalista e escritora, é autora do libro Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia.
- Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo de investigación Histagra.
- Silvia Fernández Quinteiro, avogada e investigadora sobre o Patronato, abordará os avances no recoñecemento xurídico das vítimas e afondará no caso de Eva García de la Torre, exalcaldesa socialista do Porriño, recoñecida como vítima da represión exercida por este organismo franquista.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, será a encargada de abrir o encontro xunto a Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve, que tamén moderará o debate.
Dentro do programa Lugo con Memoria, impulsado para divulgar episodios e figuras relevantes da historia local e nacional a través de conferencias, mesas redondas e actividades culturais.
Unha iniciativa da Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve.

