XAN 2018 A Sede Afundación de Lugo acolle do 1 de febreiro ao 21 de abril «Salvador Dalí, contador de historias». O gran xenio de Figueres volve ás salas de Afundación cos fantásticos gravados que recrean os grandes clásicos literarios internacionais, como Pantagruel ou O Quixote.
Unha das facetas máis descoñecidas de Salvador Dalí (Figueres, 1904-1989) é a de gravador. Do mesmo xeito que na pintura, Dalí plasmou na arte gráfica a súa persoal iconografía, deixando nas súas estampas unha obsesión polos detalles. As imaxes que nos ofrece nesta exposición explican a comedia humana, o comportamento ridículo, pero non menos real, do home no mundo e na historia.
Conforman a exposición setenta e dous gravados e estampas, pertencentes aos chamados Ciclos literarios de Dalí, en que o artista copiou e recreou obras literarias universais achegando a súa particular visión e interpretación.
Les songes drolatiques de Pantagruel, 1973
Nesta serie de vinte e cinco litografías Dalí recrea as ilustracións que François Desprez realizou sobre o ciclo Pantagruel de François Rabelais para a edición que en 1565 publicou Richard Breton en París.
Le bestiaire de La Fontaine dalinisé, 1974
As doce fábulas que nos presenta Salvador Dalí, seguindo a Jean de La Fontaine, toman polo xeral a súa fonte no sempre citado Esopo. Na súa catalogación, presentamos o título de cada unha delas, consideramos a súa fonte e propoñemos a consecuencia moral que se deriva como sentenza.
El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha de Miguel de Cervantes, 1957-1958
As estampas que se presentan forman parte da publicación de Bos Aires pola editorial Emecé (1957-1958) que fora titulada El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha. O primeiro volume desta edición foi ilustrado por Salvador Dalí con dez láminas en acuarela a cor estampadas en offset e trinta debuxos en branco e negro con proceso fotomecánico. Convén precisar que, con anterioridade, estas láminas foron publicadas nunha edición de Random House (Nova York, 1946) co título El Quixote e coas ilustracións presentadas a dobre páxina.
Sede Afundación Lugo
Praza Maior, 16 / Praza Santa María, s/n. Lugo (Lugo)
Datas: 1 de febreiro a 12 de maio de 2018
Horario: Luns a sábados de 18.00 a 21.00 h