A lucense Sabela Eiriz expón na Galería Néboa fotografías do seu fogar.
A exposición «Un lugar desprazado coma o meu corpo», vai máis alá dos límites do que todos entendemos por fogar, para levalo a lugares que tamén sinte como tal.
Autora: Sabela Eiriz.
Galería: NÉBOA, Lamas de Prado 31, Lugo
Horario: martes a venres 11h a 14h / 17h a 20h e sábados 11h a 14h. Outro horario, previa cita.
Ata o 29 xuño.
Pablo Austero – Fotógrafo en prácticas en Viva Lugo. O xefe dixo: «Conta o que che trasmite a expo da Sabela», e contouno así:
«O meu fogar fóra do meu fogar:
O meu fogar son os bosques, eu vivo neles. O meu fogar son os ríos, eu vino neles. O meu fogar é a finca de detrás da casa da Feira do Monte, o camiño arredor da lagoa de Cospeito, a sala de embarque do aeroporto de Dublín, un tempo nunha librería calquera, un espazo en silencio. O meu fogar está feito de herba e nubes.
O meu fogar é unha sala de espera, unha habitación de hospital onde vin a morte e, agora, un nicho do cimeterio San Froilán onde a visito.
O meu fogar é un balón de futebol, un libro suliñado, unha canción dos Cure e pasar o 4 de xullo na Galaxia 500, porque sí, porque «Maybe I should just change my style, but I feel alright when you smile». Sobre todo iso, o meu fogar é o teu sorriso.
O meu fogar son as apertas, eu vivo nelas.
O meu fogar son todas e cada unha das miles de fotos que están por facer.»
Deberías ir visitala, a ver como a vives ti.
«Un lugar desprazado coma o meu corpo», según a súa autora:
“Digo «lugar» e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”.
S A B E L A E I R I Z
– Lugo, 1991- é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse nos mestrados de Fotografía e Deseño pola Elisava Facultad de Diseño e Ingeniería de Barcelona; Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e Profesorado de Artes Visuais pola Universidade da Coruña. Eiriz é Doutora en Artes e Educación pola Universidade de Granada, e na actualidade compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña.
A súa traxectoria sempre foi multidisciplinar, iniciándose no eido do teatro e movéndose posteriormente ao terreo audiovisual e fotográfico. Así, ten participado en diversas exposicións, individuais e colectivas, residencias e visionados co seu traballo fotográfico, así como en mostras e proxeccións audiovisuais. A súa obra está presente en coleccións como a Fundaciò Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.